Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 275.000 euros para proxectos singulares de especial interese cultural

O importe de cada axuda irá dos 3.000 aos 30.000 euros por empresa beneficiaria

O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 16 de maio

A Deputación da Coruña destina 275.000 euros para proxectos singulares de especial interese cultural

A Deputación da Coruña destina este ano 275.000 euros —cun mínimo de 3.000 e un máximo de 30.000 euros por beneficiario— a iniciativas de artistas ou empresas que desenvolvan proxectos sociais e culturais en lingua galega e que acheguen enfoques e prácticas "de alto interese" pola súa natureza innovadora, experimental, relacional ou social. O prazo de presentación de solicitudes terminará ás 14 horas do próximo 16 de maio.

As propostas deberán abordar, sempre desde o ámbito da cultura, temáticas como a cohesión e integración social, a defensa das diversidades e a convivencia intercultural, a sensibilización ambiental, o traballo en favor da igualdade de xénero, a integración de persoas con diversidade funcional, a educación en valores, o desenvolvemento territorial, a recuperación demográfica ou a revitalización das identidades comunitarias. Os proxectos deberán realizarse de xeito maioritario no territorio da provincia da Coruña e co galego como lingua vehicular.

As actividades que reciban axuda terán que desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023, pero as entidades beneficiarias poderán solicitar unha prórroga para realizar as propostas ata o 31 de marzo de 2024.

En 2022, a Deputación da Coruña financiou 19 proxectos singulares de especial interese cun investimento de 238.606 euros. Entre eles estiveron unha proposta audiovisual de animación "stop-motion" de temática ambiental dirixida a público xuvenil, unha intervención efémera e performativa no lavadoiro de Artes (Corrubedo), un proxecto de educación do patrimonio para todos os públicos a través de actividades lúdicas e obradoiros participativos e unha peza escénica sobre a situación das persoas menores de idade en acollida e as súas dificultades de integración.

Os proxectos aprobados contemplaron unha ampla variedade de formatos: propostas escénicas e coreográficas, produtos audiovisuais coma documentais ou vídeos de animación, intervencións artísticas sobre elementos patrimoniais ou exposicións coma a que conmemorou o 30º aniversario da parella de cómicos Mofa & Befa.

A tramitación das solicitudes farase de maneira telemática, a través da plataforma Subtel da Deputación.