Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Betanzos esixen á Xunta que se implique na recuperación do Pasatempo, na que “non investiu un céntimo”

Valentín González Formoso lembrou que a Xunta, que ten as competencias na conservación do patrimonio, non colabora na recuperación do parque enciclopédico máis emblemático da provincia

"A Xunta non está nin se lle espera. Conta cun orzamento de 13.000 millóns contra 200 millóns da Deputación e non puxo nin un só céntimo de euro para que os veciños de Betanzos e os visitantes volvan gozar deste parque"

O presidente avaliou, acompañado da alcaldesa do municipio, María Barral, o remate das obras de rehabilitación do estanque do Retiro

O Pasatempo abrirá as súas portas ao público no mes de maio con visitas guiadas por un experto do monumento que dará a coñecer a historia do parque e os avances da súa restauración

A Deputación e o Concello de Betanzos esixen á Xunta que se implique na recuperación do Pasatempo, na que “non investiu un céntimo”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, supervisaron esta mañá o final das obras da I Fase da rehabilitación do parque enciclopédico do Pasatempo, en concreto, os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento, no que o ente provincial e o Concello investiron 525.000 euros.

Tanto Formoso como Barral coincidiron en reclamar á Xunta que asuma as súas competencias na conservación do patrimonio e que se implique na recuperación deste singular espazo "para o que non puxo ata o de agora nin un só céntimo de euro".

Valentín González Formoso asegurou que hoxe é un gran día porque se pode comprobar o éxito das políticas de rehabilitación do patrimonio histórico que repetiu a Deputación con esmero en toda a provincia. "Durante estes anos traballamos en decenas de casos de rehabilitación como o caso do Mosteiro de Caaveiro, o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo, e noutros innumerables elementos patrimoniais esquecidos por outras administracións".

Lamentou que o esforzo tan só veña da Deputación e do Concello. "E fomos quen de xerar recursos para evitar perda do noso patrimonio histórico. Xunto ao concello temos a firme intención de recuperar este parque, pero gustaríanos que a Xunta tivese unha mínima sensibilidade que os veciños de Betanzos lle agradecerían, sen dúbida. Esta recuperación é un elemento de orgullo, unha esixencia social, que pasou por décadas de esquecemento e que agora tratamos de recuperar aínda sen ter competencias na materia".

Criticou a postura adoptada pola Xunta durante estes anos na provincia. "A Xunta non está nin se lle espera. Conta cun orzamento de 13.000 millóns contra 200 millóns da Deputación e non puxo nin un só céntimo de euro para que os veciños de Betanzos e os visitantes volvan gozar deste parque".

Por outra banda, referiuse á veciñanza deste concello para que "cando abra o parque o vindeiro mes de maio lembren que o goberno da Xunta non puxo nin un só céntimo e non o poñerá nunca. E debemos denuncialo publicamente debido a que é algo que consideramos unha auténtica inxustiza".

"Non todo é a Cidade da Cultura, un elemento que custou máis de 120 millóns de euros e que cada ano custa un diñeiral para o erario público e que non ten practicamente utilidade. Primeiro, antes de facer cousas novas, hai que manter o que temos. É algo que aprendemos dos nosos avós e é a percepción da sociedade betanceira e coruñesa en xeral", sentenciou Formoso.

Apertura en maio con visitas guiadas

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, agradeceu o apoio da Deputación durante a visita a este último tramo da restauración do Estanque do Retiro do Pasatempo, a primeira das fases da súa restauración integral.

"A partir do mes de maio poderemos organizar visitas guiadas por un experto do parque. Visitas que serán limitadas 15 ou 20 persoas e coas medidas de seguridade para garantir a seguridade do parque e dos visitantes, que poderán coñecer a historia do parque e comprobar a calidade e relevancia destas obras", apuntou.

"A partir de aí esperamos que en pouco tempo se poida licitar a segunda fase desta restauración, dotada con 1,5 millóns fondos europeos e que abordarán actuacións no Estanque da Gruta, a fonte das Catro Estacións e noutros elementos singulares, ademais de medidas urxentes de conservación", sinalou.

Sen noticias da Xunta a alcaldesa anunciou que continúa traballando noutra subvención europea, doutros 1,5 millóns de euros, "para poder completar a rehabilitación integral do parque co fin de que rexurda e volva ser o que foi sempre: un parque referente en Galicia e en todo o territorio estatal".

Remate da primeira fase de restauración do Pasatempo

Estes primeiros traballos, a punto de rematar, permitiron recuperar os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento hai dous anos. O presidente insistiu en que pese a que a Deputación non ten as competencias, sempre "tivemos a firme intención de achegar fondos para recuperar e garantir a supervivencia dun elemento de interese cultural tan singular de Betanzos". Na súa intervención reafirmou o compromiso provincial e sinalou que a Deputación seguirá achegando na recuperación deste elemento, "do que estamos moi orgullosos na provincia e sería bo que a Xunta tivera ese mesmo criterio.

Traballos que se levaron a cabo no estanque do Retiro

As obras permitiron a recuperación dos elementos máis deteriorados do parque debido á súa antigüidade e o efecto da auga: o Estanque do Retiro e o seu templete, o espazo máis representativos do Pasatempo, que precisou dunha actuación urxente para evitar a súa destrución. A restauración incluíu a recuperación de todos os elementos escultóricos, pictóricos e arquitectónicos desta área. Os traballos acometéronse durante un ano e medio, xa que se trata dun traballo que tivo moita complexidade técnica.

O estanque do Retiro conta con case 700 metros cadrados e está escavado a 5 metros de profundidade. No seu centro sitúase un templete de inspiración oriental, que conta cunha ornamentación única na que destacan elementos tan eclécticos e representativos como a Torre de Hércules, imaxes de indios remando e mulleres baleirando os seus cántaros. Ademais de evitar a perda dos elementos, as obras pretenden recuperar este espazo e garantir a súa seguridade para que poida ser visitable e un punto de inflexión para a recuperación do resto de elementos únicos do parque.