Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña organiza o IX encontro de redes europeas de información europea entre Galicia e o Norte de Portugal

A reunión anual, que terá lugar o 19 de abril no Porto, permite intercambiar boas prácticas e fomentar a cooperación entre os centros transfronteirizos

EUROPE DIRECT A Coruña organiza o IX encontro de redes europeas de información europea entre Galicia e o Norte de Portugal

O centro EUROPE DIRECT A Coruña impulsa a celebración do noveno encontro de redes de información europea presentes en Galicia e o norte de Portugal, que este ano organiza xunto coa Associaçao Empresarial de Portugal (AEP), que exercerá de anfitrioa do evento o 19 de abril no Porto.
Esta xornada anual de traballo conxunto ten como obxectivo intercambiar experiencias e boas prácticas entre as diferentes redes de información europea. Tamén incentivar a cooperación entre elas a través da organización de accións e actividades que divulguen tanto o traballo dos centros europeos como a colaboración transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal. No encontro deste ano, abordarase especialmente a comunicación dos 30 anos que cumpre o mercado interior da Unión Europea, o acordo responsable da libre circulación de bens, servizos, capitais e persoas dentro do territorio da UE.
As redes de información europea son canles creadas pola Comisión Europea para poñer ao servizo da cidadanía información xeral sobre as oportunidades, dereitos e políticas europeas. Existen redes de información xeral sobre as institucións e as súas políticas, como a rede Europe Direct, e outras redes de carácter especializado, como Enterprise Europe Network, a Rede EURES e Eurodesk.
Neste encontro no Porto participan representantes das redes EUROPE DIRECT, Centro de Documentación Europea, Enterprise Europe Network, rede EURES, Eurodesk e Erasmus for Young Entrepreneurs das seguintes entidades de acollida: Deputación da Coruña, Concello de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela, Axencia Galega de Innovación, Confederación de Empresarios de Galicia, Xunta de Galicia, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, UNINOVA - Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, Concello de Tomiño, Asociación Ingalicia, Instituto Politécnico do Cávado e do Ave, Associação de Ensino Profissional do vale do Sousa, Associação Paredes pela Inclusão Social, Associação Empresarial de Portugal, Associação Empresarial do Alto Tâmega e Associação Universidade-Empresa para o Desenvolvimento – TecMinho.
Os puntos de contacto das redes de información europea representadas en Galicia están compilados na páxina https://dacoruna.gal/europedirect/europa-en-galicia. Neste enderezo tamén se pode descargar o folleto de redes que vén de ser actualizado por EUROPE DIRECT A Coruña.
Pódese atopar máis información na páxina web dacoruna.gal/europedirect ou contactar co centro a través do correo europedirect@dacoruna.gal