Estás en:Novas

A Deputación organiza as xornadas sobre patrimonio 'Conservar e avanzar'

Os retos na xestión dos bens patrimoniais para o século XXI, os usos das identidades nas paisaxes culturais ou as perspectivas sociolóxicas e educativas sobre o patrimonio son algúns dos temas que se abordarán nas palestras dun ciclo que se desenvolverá entre o 27 e o 29 de abril

O programa inclúe visitas guiadas ao dolmen de Dombate e ao Castelo de Vimianzo

A Deputación organiza as xornadas sobre patrimonio 'Conservar e avanzar'

A área de Patrimonio da Deputación da Coruña organiza entre o 27 o 29 de abril as xornadas 'Conservar e avanzar'. Os retos na xestión dos bens patrimoniais para o século XXI, os usos das identidades nas paisaxes culturais ou as perspectivas sociolóxicas e educativas sobre o patrimonio son algúns dos temas que se tratarán nas palestras dun ciclo que se celebrará na sede coruñesa do MUNCYT, no dolmen de Dombate e no Castelo de Vimianzo. O programa inclúe visitas guiadas a eses tres espazos.

"Estas xornadas", explica o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, "continúan co labor de socialización dos bens patrimoniais que xestionamos, mais tamén do contexto que afecta a este tipo de recursos e da riqueza que supoñen a nivel comunitario e social". O programa especialistas contará con especialistas tanto da Coruña como doutros lugares do Estado, que profundarán en diversos enfoques que terán como denominador común a incorporación das diferenzas como criterio de igualdade.

A entrada aos relatorios é libre, pero para o diploma de asistencia, que expedirá a Deputación, compre inscribirse na páxina web da institución provincial, nesta ligazón: dacoruna.gal/patrimonio. Para facer uso do transporte colectivo ou participar no xantar do sábado é necesario inscribirse.

PROGRAMA

Xoves 27 de abril, no MUNCYT
• 17 horas. Yamilé Pérez Guilarte, da Universidade da Coruña. "Perspectivas sociolóxicas e educativas sobre o patrimonio: unha revisión necesaria para unha educación patrimonial crítica".
• 18.15 horas. Manuel Mosquera, do Museo de Belas Artes da Coruña. "Do obxecto ao social, do social ao obxecto. Novas perspectivas sobre o museo".
• 19.15 horas. Mesa redonda. "Os retos da xestión do patrimonio para o século XXI".

Venres 28 de abril, no MUNCYT
• 17 horas. Marta Somoza. "Usos e identidades nas paisaxes culturais. Entrelazando valores dende o planeamento e programación".
• 18 horas. RVR Estudo de Arquitectura. "Reflexións sobre algunhas intervencións arquitectónicas no patrimonio cultural. Dende o Castro de Baroña ao Castro de Elviña, pasando polo cabo de Fisterra".
• 19.15 horas. Visita guiada ao MUNCYT.

Sábado 29 de abril, no dolmen de Dombate e no Castelo de Vimianzo
• 10 horas. Jorge Sanjurjo Sánchez, da Universidade da Coruña. "Técnicas de laboratorio no estudo datacional do patrimonio. Casos concretos".
• 11 horas. Leo González, técnico de proxectos Trivium. "As técnicas informáticas ao servizo da divulgación patrimonial".
• 12 horas. Cristina Castellà Figuera, do Consorci Patrimoni Mundial de La Vall de Boí. "A xestión do conxunto románico de La Vall de Boí".
• 13 horas. Visita ao dolmen de Dombate.
• 16.30 horas. Visita ao Castelo de Vimianzo.