Estás en:Novas

A Deputación inicia o pago das expropiacións para as obras da terceira fase das obras travesía de Sísamo, en Carballo

Os vindeiros días 24 e 25 de abril están convocados os 103 titulares dos terreos afectados polas obras, aos que se lles pagará os depósitos previos e indemnización pola rápida ocupación en expedientes de expropiación forzosa

A Deputación destina 1.789.000 euros á execución das obras e o Concello de Carballo 652.006 euros para financiar servizos como saneamento e abastecemento de auga, mobiliario urbano e xardinería

As obras seguirán a mesma liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas e dotación de servizos urbanos

A Deputación inicia o pago das expropiacións para as obras da terceira fase das obras travesía de Sísamo, en Carballo

FOTO (ARQUIVO) Valentín González Formoso e Evencio Ferrero na sinatura do convenio

A Deputación impulsa a terceira fase das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo co pago dos depósitos previos e indemnizacións pola rápida ocupación en expedientes de expropiación forzosa. Onte publicouse no BOP o anuncio destes pagos a 103 titulares de terreos desta vía que están convocados para os vindeiros 24 e 25 de abril, en horario de tarde, no segundo andar da Casa Consistorial de Carballo para recibir as indemnizacións que permitan comezar unhas obras moi demandadas pola veciñanza.

Neste caso, o proxecto, aprobado hai catro meses, supón un importante investimento de 2,4 millóns de euros, dos que a Deputación achegará 1.789.000 euros para a execución das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na DP 1901 Carballo-Sísamo, mentres que o Concello de Carballo financiará con 652.006 euros a dotación de servizos como saneamento e abastecemento de auga, instalación de mobiliario urbano e xardinería. Resérvanse ademais 116.835 euros para as expropiacións.

O investimento total das tres fases (2,7 millóns de euros de fondos provinciais e 652.000 do Concello de Carballo) farán desta obra un dos investimentos máis importantes acometidos pola Deputación na rede provincial de estradas nos últimos anos.

As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0+810 (final da segunda fase) no entronque co acceso ao instituto de Monteneme e continúan até o final do vial no lugar de Outeiro (PK 2+570), mellorando e completando as infraestruturas tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.

As obras seguirán a mesma liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidráulica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de aceiro inoxidable

A veciñanza de Sísamo demandaba completar as obras da travesía ata o final da estrada, no lugar do Outeiro. Unha vella demanda que será posible grazas aos dous convenios de colaboración entre a Deputación e o Concello de Carballo, que asinaron o pasado mes de decembro o presidente Valentín González Formoso, e o alcalde deste municipio, Evencio Ferrero.

Nos convenios delégase a contratación e execución das obras no Concello de Carballo e establécense as cantidades económicas a aportar por cada administración e o seu obxecto, así como a cesión da titularidade da travesía ao Concello unha vez rematados os traballos.