Estás en:Novas

A Deputación crea unha comisión técnica para avaliar a xestión do novo estudo audiovisual virtual na Cidade das TIC

O obxectivo desta comisión é analizar as diferentes posibilidades de xestión do espazo audiovisual.

O estudo audiovisual virtual vaise executar na Cidade das TIC, nun edificio de nova construción, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros acollerán un plató de características únicas en España

A Deputación crea unha comisión técnica para avaliar a xestión  do novo estudo audiovisual virtual na Cidade das TIC

O pleno da Deputación aprobou crear unha comisión de estudo político e técnico sobre a xestión económica do novo espazo dixital provincial previsto no Proxecto Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual de Galicia (EDAGA), Coruña Estudio Inmersivo (CEI). O obxectivo desta comisión é analizar as diferentes posibilidades de xestión do espazo audiovisual. De feito, a creación desta comisión que faga os estudos xurídicos, económicos e sociais é imperativo para propoñer o modelo de xestión da infraestrutura. O acordo prevé a redacción dunhas instrucións que serán remitidas pola Deputación á entidade pública RED.ES, adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Digital, e que xestiona o fondo europeo asignado ao proxecto provincial.

O pleno acordou a constitución da devandita comisión co fin de poñer en marcha canto antes o proxecto Edaga e CEI. O Presidente da Deputación será o presidente da comisión de análise e contará cun representante de cada un dos grupos políticos con representación no organismo provincial, un representante do Clúster Audiovisual Galego, o interventor xeral, o secretario xeral, a coordinadora do Plan de Emprego Local (PEL), e os xefes de servizo de Patrimonio e Contratación, Arquitectura e Mantemento, e Desarrollo Territorial e Transición Ecolóxica.

A comisión será a encargada de elaborar unha memoria relativa á xestión do servizo público provincial "Coruña Estudio Inmersivo", na que se incluirán os aspectos financeiros da actividade a desenrolar; a forma de xestión deste servizo; o prego de cláusulas técnicas para a contratación da xestión do CEI; e unha proposta de regulamento do servizo.

Recentemente a Deputación licitou a redacción e codirección do proxecto básico e de execución do novo edificio que acollerá o estudo audiovisual virtual que a institución provincial porá en marcha na cidade das TIC da Coruña.

O primeiro paso para a construción do inmoble que acollerá o proxecto Coruña Estudo Inmersivo (CEI) impulsado pola Deputación cun investimento total de 8 millóns de euros cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e fondos propios da Deputación da Coruña.

O estudo audiovisual virtual vaise executar na parcela 19 da Cidade das TIC, nun edificio de nova construción, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar dedicados a albergar un plató de características únicas en España, con capacidade para recrear calquera escenario real ou de ficción. Nesta localización vaise instalar unha macropantalla LED que permitirá realizar esa función, e o resto vai estar asignado a funcións auxiliares deste plató principal, un espazo de case 200 metros cadrados para o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e perruquería, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.

O estudo virtual de última xeración estará formado por un muro de pantallas LED de alta resolución dispostas nun arco de 20 metros de lonxitude e cun altura de oito metros e un teito de aproximadamente 30 metros cadrados.

O proxecto suporá a construción do maior estudo audiovisual virtual de España e coa elección da Cidade das TIC como emprazamento pretende crear sinerxias co sector tecnolóxico das entidades e empresas que aquí se instalen. O estudo virtual permitirá crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.

O proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan "España, Hub audiovisual de Europa", dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais