Estás en:Novas

O pleno da Deputación da Coruña dá luz verde aos convenios cos concellos das Pontes, Ordes e Rianxo para a redacción dos proxectos das residencias comarcais de maiores nestes municipios

Os convenios especifican os terreos que os concellos poñen a disposición da Deputación, que asumirá a financiación dos proxectos de obra e os estudos xeotécnicos

O pleno da Deputación da Coruña dá luz verde aos convenios cos concellos das Pontes, Ordes e Rianxo para a redacción dos proxectos das residencias comarcais de maiores nestes municipios

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular os convenios cos concellos das Pontes, Ordes e Rianxo para a redacción dos proxectos das residencias comarcais de maiores que a institución provincial planea construír nestes municipios, co fin de elaborar o plan de viabilidade económica, de acordo co artigo 68.2A da Lei de servizos sociais de Galicia.

O texto aprobado especifica que "a raíz do estudo realizado pola Deputación para a diagnose e plan de acción en materia de servizos sociais na provincia, detectouse unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores, especialmente de tipo residencial. As residencias existentes no territorio non responden á demanda real, ademais de ser en moito casos de titularidade privada"

Os textos aprobados polo pleno sinalan ademais que "froito do sistema existente, moitos maiores vense lonxe do seu entorno, ao non existir recursos próximos, fomentando o desarraigo e unha imposibilidade de seguir vinculados ao núcleo familiar, ocasionando episodios de soidade non desexada" e que "a pandemia puxo de manifestou a necesidade doutro modelo residencial, de menor escala", en consonancia "cos modelos observados noutros países europeos":

Os convenios especifican que "froito desa necesidade nace a vontade da Deputación de facer un proxecto piloto para a redacción dos proxectos básicos de tres residencias de carácter comarcal, en localizacións escollidas polo seu devalo demográfico. Do estudo realizado conclúese uque as localizacións idóneas para este proxecto piloto de residencias son Ordes, As Pontes e García Rodríguez e Rianxo".

O obxecto dos convenios é a posta a disposición por parte dos concellos de As Pontes, Ordes e Rianxo dos terreos necesarios para realizar as tomas de datos e estudos xeotécnicos necesarios para a redacción dos proxectos básicos de construción destes centros residenciais de maiores co fin de elaborar o plan de viabilidade económica esixido polo artigo 68.2a) da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia e a acreditación dos requisitos establecidos no artigo 7.4 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local.

Os textos especifican as parcelas que os concellos porán a dispor da Deputación para este fin e que a Deputación será a encargada de contratara a redacción dos proxectos, por un importe de 38.500 euros cada un, incluíndo os estudos xeotécnicos.