Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta de Galicia a elaborar unha estratexia para estender os Centros de Información á Muller a toda Galicia

Na actualidade o 40% do territorio galego non dispón deste recurso

A Deputación insta á Xunta de Galicia a elaborar unha estratexia para estender os Centros de Información á Muller a toda Galicia

A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado hoxe, 28 de abril, a moción presentada conxuntamente polo PSdeG-PSOE e o BNG en defensa da mellora dos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

A proposta contou cos votos favorables dos partidos PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e voto en contra do PP.

O texto insta á Xunta de Galicia a elaborar unha estratexia para estender a rede de Centros de Información á Muller atendendo a criterios de emprazamento e prestación de servizos conforme a factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográficas.

A moción propón tamén acordar coa Fegamp un incremento orzamentario con fondos propios das liñas de axudas e subvencións da comunidade autónoma de Galicia, destinadas a sufragar o gasto de persoal e funcionamento preciso.

A proposta formula establecer uns requisitos e procedementos para recoñecer e acreditar os Centros de Información á Muller de titularidade das entidades locais de Galicia coa pretensión de incorporar a figura de axente de igualdade entre o persoal necesario para o funcionamento normal do CIM, regular con criterios obxectivos as necesidades cuantitativas e cualitativas dos profesionais cos que debe contar un CIM, establecer certos requisitos para ser persoal cualificado nos Centros e que ningunha muller teña que desprazarse máis de 15 quilómetros do seu domicilio para poder ser atendida nun CIM.

Por último, o proxecto formula unha delimitación das funcións dos Centros, que deberían proporcionar unha atención integral para a consecución da igualdade real efectiva entre homes e mulleres, e a realización dunha campaña de información pública para dar a coñecer os CIM como recursos integrais dirixidos ás mulleres.

Estes centros, que son esenciais como servizo de apoio integral ás mulleres, nos últimos tempos están dedicados case na súa totalidade a tarefas asistenciais con mulleres vítimas de violencias machistas ou en contextos de vulnerabilidade.

Ademais, desde o ano 2016 adquiriron novas responsabilidades, como a atención e asesoramento ao colectivo LGTB. Debido ao exceso de carga de traballo, tiveron que reducir a frecuencia coa que realizan tarefas como a difusión e sensibilización sobre o principio de igualdade, a realización de conferencias, cursos e diferentes actuacións de dinamización.

Na actualidade hai 84 Centros de Información á Muller en Galicia, dos que 33 son xestionados por agrupacións de Concellos ou Mancomunidades, o que supón que 193 concellos da Comunidade non gozan deste servizo. Ou o que é o mesmo, o 40 % de todo o territorio galego non dispón deste recurso.

A isto súmase o agravante da dispersión xeográfica dos municipios galegos e a alta carga de traballo asumida polos profesionais, o que dificulta a asistencia domiciliaria.

Durante a sesión plenaria celebrada no día de hoxe tamén se aprobou por unanimidade a moción presentada pola Marea Atlántica, para instar ao Instituto Social da Mariña a que realice os pagos da prestacións polos ceses de actividade da ría de Muros e Noia.

O documento tamén incluía instar á Consellería do Mar da Xunta de Galicia a que traballen polo futuro da ría a través da súa mediación no proceso dos pagos e a creación dun protocolo para a axilización dos trámites en futuras ocasións.

Por último solicítase dar apoio ás mariscadoras afectadas polo cesamento da actividade.

No pleno aprobáronse tamén mocións de apoio a Palestina e á iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego