Estás en:Novas

A Deputación colabora co Concello de Bergondo na rehabilitación das escolas infantís do municipio

O investimento será de 103.000 euros, dos que a entidade provincial achega o 80% e o concello o 20% restante

O proxecto contempla a mellora enerxética dos centros públicos de ensino de Carrio, Lubre, Silvoso e Vixoi

As obras contemplan a renovación das fachadas, ventilación, instalación eléctrica, pavimentos e pintura e revestimentos en todas as escolas infantís

A Deputación colabora co Concello de Bergondo na rehabilitación das escolas infantís do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, asinaron o convenio de colaboración para financiar as obras de rehabilitación das mellora das escolas infantís deste municipio. As obras suporán un investimento de 103.000 euros, dos que a Deputación achega o 80% e o Concello de Bergondo o 20% restante. O convenio aprobado contempla a mellora enerxética dos centros públicos de ensino de Carrio, Lubre, Silvoso e Vixoi.

Na actualidade o Concello de Bergondo conta con cinco escolas unitarias que dan servizo a un centenar de nenos e nenas con idades comprendidas entre os tres e os seis anos. As vantaxes que ofrecen estas escolas unitarias son múltiples e favorecen en gran medida a conciliación familiar. Permiten unha educación moito máis personalizada, grazas ao número moito máis reducido por aula, e contan con moitos máis medios materiais persoais e comunitarios. Por outra banda, permiten ás familias ter unha maior participación na aprendizaxe dos seus fillos e fillas. Atópanse, ademais, na contorna rural o que permite que pasen tempo gozando do medio natural con grandes vantaxes na súa educación.

A Deputación e o Concello de Bergondo asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de manter e velar polo mantemento deste sistema educativo.

As obras contemplan a renovación das fachadas, impermeabilización, baixantes, ventilación, accesibilidade, instalación eléctrica, pavimentos e pintura e revestimentos en todas as escolas infantís. Todas estas melloras lograrán que os nenos e nenas se formen nun espazo en óptimas condicións de seguridade e climatización e nun aforro enerxético acorde co compromiso co medio ambiente.