Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Santiago asinan o convenio para o primeiro tramo das obras da Vía Verde en Compostela

Esta primeira fase conta cun orzamento de algo máis de 826.756 euros, dos que a entidade provincial achega arredor de 527.959 euros

O tramo de Santiago engadirá 10 quilómetros aos 26 quilómetros actuais da Vía Verde en Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda

A Deputación e o Concello de Santiago asinan o convenio para o primeiro tramo das obras da Vía Verde en Compostela

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinaron esta mañá en Santiago o convenio para regular a encomenda de xestión á institución provincial da execución das obras da primeira fase das obras da Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle no termo municipal de Santiago de Compostela. Ao acto asistiron tamén a deputada provincial, Mila Castro, e o deputado provincial responsable da área de Transición Ecolóxica, Desenvolvemento Territorial e Emprego, José Ramón Rioboo.

Segundo estipula o convenio, esta primeira fase das obras contará cun orzamento de 826.756 euros, dos que a entidade provincial achega arredor de 527.959 euros e o Concello de Santiago os 298.787 euros restantes.

Este primeiro tramo parte desde a estación da Sionlla e terá unha lonxitude de aproximadamente 2,2 quilómetros.

Durante a súa intervención, Formoso destacou "a posta en valor das antigas vías de ferrocarril, coa reutilización de 36 quilómetros de vías antigas para conseguir a Vía Verde máis longa de Galicia".

A Deputación está tramitando un segundo convenio para completar a conexión de Santiago con Oroso, que terá uns 8 quilómetros de lonxitude. Este segundo tramo compostelán será cofinanciado pola Deputación, o Concello de Santiago e o Goberno de España con outros 800.000 euros.

Tamén está en tramitación o proxecto para executar o tramo entre Cerceda e Culleredo, que ten como obxectivo unir A Coruña e Santiago a través da vía verde no futuro.

Para o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, "a posta en marcha da Vía Verde é unha vella aspiración dos concellos da nosa área".

O rexedor indicou que con esta nova senda "aumentamos o número de quilómetros de sendas peonís e fomentamos un estilo de vida saudable entre a nosa cidadanía".

A realización do tramo compostelán da Vía Verde finalizará a conexión do actual trazado, que xa está en funcionamento en Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda.