Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 115.890 euros a redacción do proxecto do estudo audiovisual virtual na Cidade das TIC

O estudo audiovisual virtual situarase nun edificio de nova construción na Cidade das TIC, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros acollerán un plató de características únicas en España

A Deputación adxudica por 115.890 euros a redacción do proxecto do estudo audiovisual virtual na Cidade das TIC

A Deputación adxudicou por 115.890 euros a redacción e codirección do proxecto básico e de execución do novo edificio que acollerá o estudo audiovisual virtual que a institución provincial porá en marcha na cidade das TIC da Coruña.

O proxecto definirá a construción do inmoble que acollerá o proxecto Coruña Estudo Inmersivo (CEI) impulsado pola Deputación cun investimento total de 8 millóns de euros cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e fondos propios da Deputación da Coruña.

O estudo audiovisual virtual vaise executar na parcela 19 da Cidade das TIC, nun edificio de nova construción, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar adicados a albergar un plató de características únicas en España, con capacidade para recrear calquera escenario real ou de ficción. Nesta localización vaise instalar unha macropantalla LED que permitirá realizar esa función, e o resto vai estar asignado a funcións auxiliares deste plató principal, un espazo de case 200 metros cadrados para o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e salón de peiteado, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.

O estudo virtual de última xeración estará formado por un muro de pantallas LED de alta resolución dispostas nun arco de 20 metros de lonxitude e cun altura de oito metros e un teito de aproximadamente 30 metros cadrados.