Normalización Lingüística da Deputación organiza este venres un concerto tributo a Zeca Afonso e a Rosalía de Castro
Será no Teatro Colón da Coruña, en cuxa web xa se poden retirar as entradas, de balde
No escenario, Canto D'Aqui, Pedro Jóia, Iria Estévez e, como convidados, a actriz e o actor galegos Isabel Risco e Fran Rei
Na semana de celebración do Día das Letras Galegas, a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña organiza un concerto tributo a Zeca Afonso e a Rosalía de Castro. Será o venres 19, ás 20 horas, no Teatro Colón, en cuxa web xa se poden retirar as entradas, de balde.
Para a ocasión, o grupo Canto D'Aqui convidou a Pedro Jóia e Iria Estévez, dous coñecidos nomes do panorama musical portugués e galego, a un recital que quere ser homenaxe a dúas figuras que, a través da música e da poesía, fixeron unha gran contribución á cultura galega. O portugués Pedro Jóia interpretará á súa guitarra obras emblemáticas de Zeca Afonso, mentres que a cantante galega Iria Estévez cantará a poesía de Rosalía de Castro.
Neste concerto tamén se escoitará o carácter sonoro e tradicional dos instrumentos e voces do grupo Canto D'Aqui, nun tributo a temas que marcaron unha época, pero que perduran ata a actualidade, gardando sempre a súa mensaxe e a memoria dos seus autores vivo. O concerto terá como convidados especiais a actriz e ao actor galegos Isabel Risco e Fran Rei.