Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsa a creación de cinco novas Oficinas de Rexistro Cl@ve en concellos da provincia

As veciñas e veciños de Cariño, Coirós, Dumbría, Muxía e Neda poden xa obter nos seus concellos a identificación Cl@ve para acceder aos servizos e trámites a través da Administración Electrónica.

A Deputación da Coruña impulsa a creación de cinco novas Oficinas de Rexistro Cl@ve en concellos da provincia

As Oficinas de Rexistro Cl@ve son xa unha realidade para as veciñas e veciños de cinco novos concellos da provincia da Coruña. Hai un mes, a Deputación da Coruña arrancaba os procesos de transformación en Cariño, Coirós, Dumbría, Muxía e Neda, onde onte quedaron activadas estas novas entidades físicas de rexistro dixital. Materialízase así un dos obxectivos principais do proxecto Concello Dixital: achegar de forma real é útil a administración electrónica á cidadanía.

Calquera persoa que así o desexe poderá obter de modo presencial e sen desprazarse fóra do seu concello, a identificación Cl@ve necesaria para acceder aos servizos públicos a través da Administración Electrónica, entre se atopan as propias Sedes Electrónicas municipais. A acreditación da identidade faise coa presentación do DNI e un número de teléfono móbil, nacional ou estranxeiro, a onde chegara a mensaxe (SMS) de benvida ao sistema.

Estas novas oficinas súmanse xa ás existentes nos concellos de Abegondo, Boqueixón, Cambre, Curtis, Oroso, Santa Comba e Vedra, entidades que xa finalizaron, con éxito, o seu proceso de transformación dixital ao abeiro do proxecto impulsado pola Deputación coruñesa.