Estás en:Novas

Blas García clausura o curso do proxecto Estalmat de impulso ao talento matemático da USC

A Deputación apoia o proxecto Estalmat desde hai xa quince anos

García destaca a importancia de potenciar o talento da xente moza para "darlles oportunidades de futuro e pór ese talento ao servizo do país"

Blas García clausura o curso do proxecto Estalmat de impulso ao talento matemático da USC

O deputado de Promoción Económica, Blas García, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, participaron esta mañá na Facultade de Matemáticas da USC na clausura do curso 2022-2023 do proxecto Estalmat, destinado a detectar e incentivar o talento matemático de mozas e mozos galegos entre os 12 e os 16 anos.

Blas García lembrou que o programa conta desde hai quince anos co apoio económico da Deputación da Coruña porque "consideramos que o investimento no noso capital humano é sempre o máis rendible e, no caso particular de Estalmat aínda máis, xa que as matemáticas son unha materia clave para o desenvolvemento de numerosas áreas, desde a tecnoloxía á medicina".

García felicitou o alumnado polo seu "esforzo e dedicación" durante o curso e afirmou que "o que aprendestes aquí será moi importante para a o voso futuro académico, pero tamén para o conxunto da sociedade". "Porque con iniciativas coma esta conseguimos que non se perda o talento da nosa xente moza, que as vosas capacidades se potencien para que, no futuro, poidades poñelas a disposición de todos: das nosas empresas e institucións, do noso país", afirmou.