A Deputación da Coruña destina 1 millón de euros para apoiar 130 entidades deportivas da provincia en competicións nacionais e internacionais
As subvencións abarcan diferentes modalidades deportivas como triatlón, hóckey, fútbol, ximnasia rítmica, atletismo, baloncesto, piragüismo ou fútbol sala
A Deputación da Coruña aposta polos deportistas e clubs da provincia e destina 1 millón de euros para darlles apoio nas competicións federadas nacionais e internacionais. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a resolución provisional das subvencións a estas entidades sen ánimo de lucro para o ano 2023.
O ente provincial achega 1.011.742 euros euros a un total de 130 clubs da provincia, e hai outros 6, que sumarían 60.000 euros máis, que a teñen concedida pero condicionada á presentación de documentación que se lles require.
O obxecto deste programa é financiar os gastos derivados da participación en competicións oficiais federadas de nivel nacional e internacional. As axudas oscilan entre os 2.000 e os 61.550 euros e abarcan modalidades deportivas como triatlon, hóckey, fútbol, ximnasia rítmica, atletismo, baloncesto, piragüismo, fútbol sala, rugby, karate, halterofilia ou natación, tanto en categoría feminina coma masculina.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou a importancia deste programa "para seguir impulsando ás e aos nosos deportistas nas diferentes competicións de ámbito nacional e internacional, colaborando no seu progreso deportivo e promocionando o deporte coruñés en toda España e fóra das nosas fronteiras", sinalou.
Club Universitario de Ferrol (61.550 euros) BasketMi Ferrol (24.638€), Vaixes Amarelle Futbol Sala Femininoo (32.635 euros), S.D. Compostela (24.084 €), Club Noia Fútbol Sala (36.942 €), Bergantiños CF (25.407 €) e Coruña Futbol Sala (23.100 €) son algunhas das axudas concedidas.
A listaxe completa pode consultarse na seguinte ligazón:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/05/22/2023_0000003995.pdf