Estás en:Novas

A Deputación aprobará no pleno do venres un investimento de 923.000 euros para continuar mellorando a estrada DP-1105 que une os municipios Lousame, Boiro e Noia

As obras renovarán a capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente entre o PQ 5+550 e o PQ 12+990

Os primeiros 5,5 quilómetros xa foron pavimentados

Trátase dunha vía fundamental nas vertebración das comunicacións da comarca

A Deputación aprobará no pleno do venres un investimento de 923.000 euros para continuar mellorando a estrada DP-1105 que une os municipios Lousame, Boiro e Noia

A Deputación da Coruña leva ao pleno do vindeiro venres, 26 de maio, un investimento de 923.074 euros para continuar coa pavimentación e mellor da vía provincial DP-1105 nos municipios de Lousame e Boiro, incluído no Plan de vías provinciais.

Esta estrada é un elemento fundamental nas vertebración das comunicacións da comarca, xa que conecta os concellos de Lousame, Boiro e Noia, polo que rexistra un importante volume de tráfico.

As obras darán continuidade ás efectuadas nos primeiros 5 quilómetros da estrada e consistirán na renovación da capa de rodaxe do tramo de 7,5 quilómetros da estrada que vai do PQ 5+550 ao PQ 12+990 mediante unha capa de mestura de bituminosa en quente ao longo de toda a plataforma da vía. Inclúese o fresado nas interseccións con outras vías e os tramos de travesías.

Previamente realizaranse os labores de roza e a apertura e limpeza de beiravías.

Por último, inclúese a reposición das marcas viais de eixo, os bordos, os pasos de peóns, así como as unidades de sinalización.