Estás en:Novas

Pakolas, Museo do Pobo Galego, Orgullo galego e Daniel Romero gañan os Premios Rosalía de Castro da Deputación

O xurado recoñeceu o labor das catro propostas premiadas na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no resto do país

Pakolas, Museo do Pobo Galego, Orgullo galego e Daniel Romero gañan os Premios Rosalía de Castro da Deputación

'Pakolas. Rock infantil e familiar en galego' na categoría iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade; o Museo do Pobo Galego e Orgullo Galego, exaequo na categoría de entidades; e o técnico de normalización lingüística Daniel Romero na categoría de persoas, son as catro propostas gañadoras dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. Trátase do certame que, cada ano, recoñece e premia o labor de promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no de todo o país.

O xurado, presidido pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, estivo conformado por María Canosa Blanco, gañadora na categoría persoas da anterior edición; Irimia Fernández Álvarez, gañadora na categoría iniciativas de dinamización tamén en 2022; e por María Alicia Fernández Rodríguez, representante de AELG, entidade que tamén resultara gañadora o pasado ano. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña.

Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística no Concello de Fene, por "abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas". No seu informe, o xurado tamén salienta que "o seu exemplo, coherencia e compromiso convérteo no faro das persoas dedicadas á normalización lingüística", tras máis de 40 anos traballando tanto desde o concello como desde outras responsabilidades profesionais nesta longa traxectoria. Da súa man, o galego chegou con forza ás tecnoloxías da información e á comunicación con iniciativas en que Daniel Romero participou como Ciberlingua, galego.org ou Vieiros.

En canto á categoría de entidades, o xurado concede o premio exaequo ao Museo do Pobo Galego e a Orgullo Galego, considerando que ambas propostas son "divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural"; no caso do Museo do Pobo Galego "cunha traxectoria xa consolidada no tempo", mentres que Orgullo Galego representa "unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas". Neste sentido, a proposta do Museo do Pobo Galego, no eido lingüístico, salienta a conservación e custodia dunha extraordinaria Biblioteca declarada de Especial Interese para Galicia no ano 2012. Este acervo bibliográfico e documental está composto polos máis de 100.000 volumes, entre libros e publicacións periódicas, que conforman a Biblioteca, cun Arquivo que ocupa máis de 600 metros lineais (entre manuscritos e mecanoescritos) e un conxunto de materiais de características singulares: fotografías, postais, mapas e planos, carteis, partituras, pergameos ou follas voandeiras. Mentres, pola súa banda Orgullo Galego é unha iniciativa destinada a normalizar o uso da lingua galega nas redes sociais, para que a poboación teña espazos de referencia do idioma propio e que figure en pé de igualdade con outros idiomas do mundo, demostrando que é unha lingua viva, moderna e con futuro e fai parte das ferramentas tecnolóxicas máis actuais.

Por último, na categoría de proxecto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, o xurado escolleu a proposta 'Pakolas. Rock infantil e familiar en galego' por considerar que "utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua". O informe do xurado tamén indica que "non só utiliza a súa enerxía e entusiasmo sobre o escenario, senón que fai uso doutras vías para divulgar e promocionar a cultura". 'Pakolas' é o músico e narrador Paco Cerdeira en formato solitario, cun espectáculo co que percorre bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, ou centros sociais.