A Deputación da Coruña dá luz verde aos primeiros 47 millóns do Plan Único 2023, que financiarán 200 obras na provincia
O derradeiro pleno do actual mandato aprobou por unanimidade as asignacións aos concellos dos primeiros 47 millóns POS+2023, que este ano conta cun 89 millóns de orzamento
Aprobados tamén investimentos en estradas provinciais de Boiro, Lousame, Camariñas, Vimianzo, Oroso, Carballo, Mesía, Ames, Touro e Teo por 5,4 millóns de euros
A Deputación da Coruña celebrou hoxe o derradeiro pleno do actual mandato, no que se aprobou por unanimidade a asignación dos primeiros 47 millóns de euros do Plan Único (POS+2023), que inclúen financiamento de 200 obras nos municipios da provincia e 7 millóns de euros para o financiamento de gastos sociais dos concellos. Trátase da primeira achega do POS+2023, que este ano conta cun orzamento total de 89 millóns de euros para os 93 concellos coruñeses.
O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña. Ademais, permite que sexan os municipios os que decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.
200 obras na provincia
Con cargo a estes primeiros 47 millóns de euros, os concellos financiarán un total de 200 obras na provincia, que foron aprobadas hoxe no pleno provincial e que suman un investimento total de 21,5 millóns euros. Outros 18 millóns serán destinados polos concellos a financiar gastos correntes que melloran servizos públicos municipais como alumeado, limpeza viaria, recollida de lixo ou mantemento de zonas verdes e 7 millóns de euros a investimentos e actividades de carácter social.
Só 11 dos 93 concellos optan por destinar unha pequena parte dos fondos (un total de 68.414 €) a amortización de débeda, o que é indicativo da boa saúde económica dos concellos da provincia tras anos nos que os fondos do Plan Único lles permitiron amortizar as súas débedas sen xuros.
Nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, o Plan Único inviste nesta primeira achega preto de 10 millóns de euros e financia 34 obras; en Ferrolterra-Ortegal suma 8,9 millóns e 43 obras; na área de Compostela 60 obras e máis de 13,5 millóns de investimento; case 8 millóns en Bergantiños-Costa da Morte con 37 obras e 26 obras na comarca de Barbanza, onde suma un investimento total de 6,2 millóns de euros.
5,4 millóns na mellora de estradas provinciais
No apartado de Vías e Obras, o pleno de hoxe deu luz verde a investimentos en estradas provinciais por importe de máis de 5,3 millóns de euros entre os que destacan a ampliación e mellora da estrada DP-1105 de Noia a Boiro (923.074 €), o acondicionamento da DP 1603 de Ponte do Porto a Quintáns (Camariñas e Vimianzo) por 732.542 euros, a remodelación da avenida da Grabanxa (Oroso) por 518.548 euros, a reurbanización da rúa Compostela de Carballo por 211.266 euros, o ensanche e mellora da DP- 4701 en Mesía (2 millóns de euros), a construción da senda peonil na DP 0206 en Biduído (Ames) por 133.896 €, a mellora da segurida viaria na DP 0605 na Muíña (Touro) por 347.551 euros e a actualización de prezos das obras de terminación da ampliación da plataforma e mellora do trazado na DP 8202 de Galanas a Cacheiras, en Teo, cun orzamento de 561.215 euros.
Resumo dos investimentos e distribución dos fondos por concellos e comarcas