Estás en:Novas

Rioboo destaca que as pequenas e medianas empresas son “a gasolina que fai da provincia da Coruña o motor económico de Galicia”

O deputado participou esta mañá na entrega dos premio Peme do Ano 2023, que recaeu na empresa ABN Pipe, con sede na Coruña

Siotic Spain, Sistemas Audiovisuales Itelsis, Gabadi e Gestán, gañadoras dos accésits desta edición.

Rioboo destaca que as pequenas e medianas empresas son “a gasolina que fai da provincia da Coruña o motor económico de Galicia”

A empresa ABN Pipe,con sede na Coruña e dedicada á fabricación de sistemas de tubaxes e compostos de materiais termoplásticos para os sectores da edificación, a obra civil e a industria, recibiu hoxe o Premio Peme do Ano 2023 da Coruña, un galardón que conceden o Banco Santander e as Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago de Compostela, en colaboración coa Cámara de España, o diario La Voz de Galicia e a Deputación da Coruña.

O director de Administración e Finanzas da compañía, Manuel López, foi o encargado de recoller o premio, nun acto que se celebrou na sede da Cámara e no que participaron o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo; Antonio Couceiro, presidente da Cámara de Comercio da Coruña; Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia; Rocío Pazos, directora territorial do Banco de Santander en Galicia; María Pais, presidenta da Cámara de Santiago de Compostela; Manuel Galdo, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña; e Alfonso Andrade, delegado na Coruña de La Voz de Galicia.

ABN Pipe non deixou de crecer e innovar desde os seus inicios no ano 2000 na cidade da Coruña, onde ten a súa sede central. Conta cunha planta de produción en Medina del Campo e cun persoal de máis de cen traballadores distribuídos entre ambos os dous centros.

A compañía exporta a máis de 18 países en todo o mundo. Catalogada como Peme Innovadora polo Ministerio de Ciencia e Innovación, destaca pola súa capacidade de innovación e desenvolvemento de novos produtos.

Rioboo destacou a longa traxectoria da empresa gañadora e subliñou que a provincia da Coruña "é o motor económico de Galicia e as pequenas e medianas empresas son a gasolina que fai que ese motor funcione". O deputado subliñou que o 41% das empresas galegas radican na provincia da Coruña e que o 99% das 81.161 coruñesas son peme.

O xurado, composto polo subdirector da Cámara da Coruña, Carlos Fernández; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso; o representante da Delegación Territorial do Banco Santander, Pablo Gil; a representante do diario La Voz de Galicia, Sofía Vázquez e polo representante da Deputación da Coruña, Manuel Vázquez, valorou especialmente de ABN Pipe a súa contribución á creación de emprego, a súa capacidade innovadora e de expansión así como o seu compromiso coa sustentabilidade como méritos para alzarse con este premio.

Ademais, concedéronse catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e Emprego; e Empresa Sustentable. O Accésit de Internacionalización outorgóuselle a SioticSpain (ImprovingMetrics), afincada na Coruña e dedicada á analítica de datos e a estratexia dixital. Destaca polas súas solucións de alta calidade baseadas no deseño, análise, extracción e explotación de datos de activos dixitais. O Accésit de Innovación e Dixitalización recaeu na empresa de Santiago de Compostela, Sistemas Audiovisuais Itelsis,unha compañía tecnoloxicamente avanzada que dispón do 30% do persoal dedicado a labores de I+D, o que confirma o compromiso da compañía coa investigación como alicerce que sustenta o progreso tecnolóxico da empresa.

O Accésit de Formación e o Emprego concedéuselle a Gabadi, da Coruña. Gañadora da anterior edición do Premio, é unha empresa do sector auxiliar naval que conta con diversas liñas de negocio para os sectores civil e militar. Con presenza nacional e internacional, está altamente comprometida coa xeración de emprego de calidade.

Por último, o Accésit de Empresa Sostible foi para Gestán, dedicada á xestión integral de residuos procedentes de calquera sector industrial. Dispoñen de centros autorizados de almacenamento, valorización e venda de produtos recuperados, ademais de loxística propia para o transporte de residuos.