Día dos arquivos
Hoxe celebramos o noso patrimonio documental.
O 9 de xuño conmemoramos o Día dos Arquivos, desde a súa institución en 2008. Este día foi elixido porque o 9 de xuño de 1948, o Consello Internacional de Arquivos estableceuse baixo os auspicios da UNESCO. Como recolle a declaración, os arquivos constitúen a memoria das nacións e das sociedades, forman a nosa identidade e son pedra angular da sociedade da información.
Polo que hoxe queremos dar a coñecer dous arquivos que se conservan na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.
O Arquivo Berea é un fondo documental pechado, derivado da actividade dunha familia de compositores, comerciantes e editores de música que se estableceu na Coruña, no primeiro terzo do século XIX.
O establecemento comercial aberto pola familia cara a 1840 na Coruña permaneceu funcionando ininterrompidamente ata 1985, con sucursais e comisionados por toda Galicia e parte de España, e vendas tanto nacionais como a Europa e América. Todo o arquivo documental (86 libros e 149 caixas de documentos) deste comercio aberto durante case un século e medio, foi adquirido pola Deputación da Coruña ao peche da tenda no ano 1985, xunto coas aproximadamente 25.000 partituras que quedaban no establecemento nese momento, máis un conxunto de 269 pranchas empregadas para a edición musical, así como unha peza litográfica para a impresión da portada da muiñeira A Alfonsina, e unha prensa vertical para a estampaxe de partituras.
Dentro dos libros podemos atopar: libros copiadores de cartas, de obras dramáticas, de almacén, actas do Teatro Principal, catálogos de partituras, de instrumentos, de rolos de pianola...
En canto á documentación temos correspondencia, facturas, listas de almacén, recibos, as escrituras de constitución das distintas compañías...
Desta documentación pódense entresacar datos dos gustos musicais da época; pódese coñecer o labor editorial e de difusión e variación das tendencias musicais; as amplas relacións comerciais da familia Berea con outros editores, comerciantes e músicos; e permite facerse unha idea da evolución dos prezos e custo dos instrumentos, as composicións musicais, e outros servizos relacionados coa música como clases de piano etc.
Canuto Berea foi ademais unha das principais editoriais de música e poderiamos dicir que a primeira de certa importancia coa que contou Galicia, como indica Liaño Pedreira, editando a relevantes compositores galegos. Por iso o Arquivo Berea é riquísimo, porque a pesar dalgún salto documental é historia viva da música e a edición musical en Galicia desde mediados do século XIX ata finais do século XX.
Outro arquivo que imos atopar dentro da nosa biblioteca é o pertencente a César Antonio Molina e Mercedes Monmany: un arquivo moi completo que dá unha imaxe moi fiel dos seus produtores e do desenvolvemento das súas actividades, especialmente os seus labores literarios, pero tamén funcións dentro do ámbito político e de dirección.
Dentro deste arquivo destacan os escritos orixinais (manuscritos, mecanografados ou en formato dixital) das obras de César Antonio Molina e Mercedes Monmany e unha importante colección epistolar con diversos autores de renome como son Luís Cernuda, Vicente Aleixandre, Francisco Ayala, Bernardo Atxaga, Álvaro Cunqueiro, Miguel Delibes, Gonzalo Torrente Ballester, Rafael Azcona, Claudio Magris, José Manuel Caballero Bonald, Jorge Edwards, Javier Marías... entre outros.
Entre os documentos de arquivo tamén imos atopar debuxos e pinturas orixinais de artistas (felicitacións do Nadal, cartas ilustradas, etc.) e tamén material tridimensional asociado a premios de diversas institucións: premios, condecoracións e medallas recibidos.
Á Biblioteca interésalle especialmente toda a documentación que dunha ou outra maneira está asociada á cidade e a provincia da Coruña: Toda a documentación que mostra os esforzos de César Antonio Molina no seu cargo de Ministro de Cultura para a concesión do título de Patrimonio da Humanidade á Torre de Hércules e o seu nomeamento como Fillo Predilecto da Cidade, documentos en relación á creación na Coruña do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía [MuNCyT] ou o impulso realizado desde o Instituto Cervantes á lingua galega.
Aproveitamos para lembrarvos que toda esta documentación está ao dispor das persoas investigadoras que desexen consultala. Os nosos arquivos son vosos.
Por outra banda, podedes acceder á web do Arquivo da Deputación da Coruña.