Estás en:Novas

Os premios literarios da Deputación da Coruña reciben máis de 470 obras nas convocatorias deste 2023

Este ano convocáronse seis certames de narrativa, teatro, ensaio e banda deseñada: Castelao, Raíña Lupa, Dieste, Murguía, Torrente en galego e Torrente en castelán

Trinta autoras e autores forman parte dos xurados con nomes tan recoñecidos como Diego Ameixeiras, Ledicia Costas, Teresa Moure, Manuel Gago, Inma López Silva, David Rubín ou Cristina Sánchez – Andrade

En xullo, setembro e novembro haberá obradoiros de lectura e encontros con autores e autoras en espazos culturais da cidade da Coruña

Os premios literarios da Deputación da Coruña reciben máis de 470 obras nas convocatorias deste 2023

A Deputación da Coruña recibiu un total de 473 obras nos seis premios literarios convocados este ano: Manuel Murguía de Ensaio, Castelao de Banda Deseñada, Rafael Dieste de Teatro, Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil e Torrente Ballester de Narrativa en galego e castelán. Entre os meses de xuño e novembro reuniranse os seis xurados para conceder os galardóns cunha dotación económica de 62.500 euros, ademais da edición e publicación das obras gañadoras.

Trinta autoras e autores forman parte dos xurados deste ano con nomes tan recoñecidos como Diego Ameixeiras, Ledicia Costas, Teresa Moure, Manuel Gago, Inma López Silva, David Rubín ou Cristina Sánchez – Andrade. No verán reuniranse os xurados do Murguía de Ensaio, o Castelao de Banda Deseñada e o Dieste de Teatro e, xa no outono, será a quenda dos xurados do Raíña Lupa e Torrente Ballester.

Xullo: Encontro lector con David Rubín
O Premio Castelao de Banda Deseñada chega neste 2023 á maioría de idade, hai dezaoito anos que David Rubín gañaba a primeira edición convocada en 2005 coa obra "Onde ninguén pode chegar". Desde entón ata hoxe, Rubín converteuse nunha referencia da banda deseñada a nivel estatal e internacional e volve ao Castelo como membro do xurado para celebrar os dezaoito anos do Premio.

David Rubín visitará a cidade da Coruña o 18 de xullo para participar na reunión do xurado e, ademais, manterá un encontro aberto cos seus lectores nun espazo cultural da cidade. O autor repasará a súa traxectoria desde que gañou o Premio Castelao ata hoxe e asinará exemplares da súa última obra, "Lume".

Setembro: Lemos teatro
Como novidade deste ano, o servizo de Cultura da Deputación pon en marcha un obradoiro para ler teatro ao abeiro do Premio Rafael Dieste na Biblioteca provincial da Coruña. Durante catro semanas de setembro e outubro, o último gañador do Dieste, Roberto Pascual, coordinará un obradoiro para ler, contextualizar e descubrir escritoras e escritores teatrais das nosas letras e do noso proceso de emerxencia cultural. O obxectivo é que o premio convocado pola Deputación sirva para incentivar a escrita pero tamén para "educar" público lector de teatro.

Nese obradoiro, para o que se abrirá un prazo previo de inscrición, participarán actrices, dramaturgas e creadoras escénicas como María Vázquez - protagonista da exitosa película galega "Matria" - , Esther F. Carrodeguas, Marián Bañobre ou Rocío González

Novembro: Galicia, territorio literario
A concesión de premios literarios pecharase o 10 de novembro coa reunión dos xurados do Premio Torrente Ballester no Pazo de Mariñán. Un encontro que é tamén unha festa da letras coa convivencia no Pazo de escritores, escritoras e xornalistas culturais para decidir cales son as dúas obras gañadoras en galego e castelán.

Ademais, tras o Conclave de Mariñán, esa tarde do 10 de novembro haberá un encontro aberto ao público para falar de Galicia como territorio literario con tres das persoas que este ano forman parte dos xurados do Torrente: Diego Ameixeiras, Ledicia Costas e Cristina Sánchez – Andrade. Os tres son referentes actuais e atopan en Galicia a inspiración para a súa literatura, ata o punto de convertela case nunha protagonista máis, e conversarán con Susana Pedreira, comisaria dos Premios Literarios, nunha libraría da Coruña.

Tres décadas premiando a creación
Desde 1989, a Deputación contribúe á produción literaria coa convocatoria de certames literarios que buscan acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza as nosas autoras e autores, e coa vontade de homenaxear a figuras relevantes da cultura galega como Dieste, Murguía, Castelao ou Torrente Ballester.

Nestas tres décadas, a nómina de premiados inclúe nomes imprescindibles na actualidade como Manuel Rivas, Blanca Riestra, Agustín Fernández Paz, Luisa Castro, Ignacio Martínez de Pisón, Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras, Roberto Vidal Bolaño ou Teresa Moure.