Día do libro electrónico 2023
O 4 de xullo celebramos o día do libro electrónico cos lectores e lectoras das bibliotecas municipais da provincia da Coruña.
Por primeira vez, este ano o Calendario do libro e da lectura inclúe a efeméride do 4 de xullo como Día do libro electrónico para fomentar o acceso á cultura a través das novas tecnoloxías, e a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña súmase á celebración con esta campaña promocional.
ANTECEDENTES
- A EbiblioDaCoruna é a plataforma gratuíta de préstamo dixital de libros, películas, audiolibros, e outros contidos dixitais das máis variadas temáticas, que a Deputación da Coruña pon en servizo para todas as persoas usuarias de calquera biblioteca pública municipal da provincia da Coruña ou da Deputación.
- A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu artigo 24, recolle a obriga da Xunta de Galicia de confeccionar anualmente o Calendario do libro galego, que regulará a celebración das efemérides fundamentais de promoción do libro galego, entre os cales está este ano o día 4 de xullo como Día do Libro Electrónico, para dar cabida ás manifestacións culturais relacionadas coas novas tecnoloxías.
- Segundo o último Informe anual do libro dixital 2022 de FESABID (Federación Española de Sociedades de Archivística, Biblioteconomía, Documentación y Museística ), a modalidade de préstamo dixital en bibliotecas experimentou un crecemento excepcional respecto ao ano anterior (33%). Segundo este informe, o obxectivo de accesibilidade universal dos contidos e plataformas dixitais é xa un dos eixes estratéxicos para todos os axentes da cadea de valor do libro. A súa relevancia e impacto irán en aumento nos próximos anos como consecuencia da aplicación da Directiva UE 2019/882 Accesibilidade de produtos e servizos.
- Tendo en conta este escenario, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña quere contribuír ao acceso á cultura e á lectura sen barreiras fomentando o uso da EbiblioDaCoruna, polo que pon en marcha unha campaña de promoción do libro electrónico relacionado coa efeméride do 4 de xullo. Esta campaña está especialmente dirixida ás bibliotecas municipais da provincia da Coruña que aínda non contan con lectores ou lectoras socias da EbiblioDaCoruna.
BASES DE PARTICIPACIÓN
- A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña realiza unha campaña de promoción da EbiblioDaCoruna, consistente na entrega dun agasallo a todas aquelas persoas que realicen a alta de socio ou socia na plataforma EbiblioDaCoruna entre o 3 e o 9 de xullo, a través da web da Biblioteca que atoparás premendo aquí.
- Os agasallos remitiranse, a nome das persoas inscritas, ás bibliotecas municipais ás que pertencen as persoas usuarias da EbiblioDaCoruna entre o 17 e o 31 de xullo. As persoas inscritas recollerán o agasallo na súa biblioteca municipal.
- Os agasallos consistirán nun lote de produtos promocionais da Biblioteca.
Para dúbidas e aclaracións, pregúntanos escribíndonos a biblioteca.info@dacoruna.gal.