Estás en:Novas

Formoso compromete o apoio da Deputación aos proxectos da UDC que supoñan “unha aposta polo talento”

A Deputación colaborou na rehabilitación do renovado Edificio de Batallóns do campus de Ferrol, que acolle o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia e 48 postos de traballo para despachos de profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría

Formoso compromete o apoio da Deputación aos proxectos da UDC que supoñan “unha aposta polo talento”

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, o almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, nunha visita organizada pola UDC ao do renovado Edificio Batallóns de Servizos Universitarios, no Campus Industrial de Ferrol.

Formoso destacou a actuación como "un exemplo de cooperación institucional", xa que Defensa cedeu esta antiga residencia de oficiais e as obras de acondicionamento, que supuxeron un investimento de 850.000 euros foron cofinanciadas pola Xunta de Galicia, cunha achega de 550.000 euros, e a Deputación da Coruña, con 300.000 euros.

O presidente da Deputación celebrou "o exemplo de colaboración institucional que redunda en beneficio da sociedade" e referiuse á importancia de que o inmoble acolla as instalacións do Centro Mixto de Investigación (CIM) UDC-Navantia. "Hibridar un centro produtivo estratéxico coma o estaleiro cun polo de coñecemento como a universidade é unha excelente iniciativa", sostivo Formoso, que comprometeu o apoio da entidade provincial "en toda a aposta polo talento que faga a UDC".

O reitor agradeceu a implicación de todas as entidades, Ministerio de Defensa, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Ferrol en todas as apostas da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol, como queda patente coa apertura deste novo edificio para a comunidade universitaria. Así mesmo, tivo palabras de recoñecemento para o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado do campus, as vicerreitorías de Ferrol e de Infraestruturas e Sustentabilidade e para o estudio de arquitectura que rehabilitou o edificio "entendendo o que quería a UDC, manter a esencia do mesmo, adaptándoo ás novas necesidades".

Abalde explicou que o edificio conserva o nome, Batallóns, "por un compromiso co mantemento do patrimonio da cidade, como o é tamén a Casa do Patín, sede da Biblioteca universitaria". O reitor explicou tamén que Batallóns será sede do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI), centro froito da colaboración de oito anos de traballo con Navantia.

O Almirante fixo tamén un exercicio de lembranza ao recordar o pasado do edificio como residencia de oficiais, a preferida pola xuventude militar, dixo, pese a haber máis residencias na cidade e valorou como un acerto a cesión no seu día do edificio á Universidade, así como que acolla o CEMI UDC-Navantia,

ao que apuntou que "espero que pronto poña tamén UDC-Navantia-Armada".

O secretario Xeral de Universidades definiu o campus de Ferrol como un campus "moderno e pioneiro". "Punta de lanza da reactivación da cidade que marcará as liñas xerais dos próximos anos de Ferrol", continuou. Díez de Castro afirmou que "este campus traballou moi ben e moi rápido e agora se recollen os froitos". O secretario Xeral amosouse convencido de que o Campus de Ferrol será un referente a nivel estatal.

O alcalde manifestou a vinculación "especial" que Ferrol ten coa Universidade da Coruña, que "xa se converteu nunha das entidades máis importantes da cidade", e que "sempre atopará apoio do Concello para que poida seguir medrando".

A Universidade da Coruña recupera este edificio para dar resposta ás necesidades académicas que poidan xurdir no Campus de Ferrol. No andar baixo instálase o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI). Nos dous andares superiores habilitáronse 48 postos de traballo para despachos de profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría, ademais de haber varias salas de usos múltiples. A rehabilitación conserva a fachada do edificio e a escaleira interior como elemento singular. A recuperación deseñouse baixo criterios de edificio pasivo para limitar ao máximo o consumo enerxético.

Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia

O Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) aglutina o traballo de diferentes grupos de investigación arredor do Estaleiro do futuro ou Estaleiro 5.0. Este centro dá soporte a Navantia coa dixitalización da nova fábrica de bloques e a nova xeración de fragatas F110. Tratan tres grandes liñas de investigación, o Xemelgo Dixital de produto, Xemelgo Dixital de planta e proceso, e Novos Procesos. A colaboración entre UDC e Navantia iniciouse en 2015 e desde entón máis de cen persoas traballan de forma colaborativa entre a academia e o estaleiro.

Residencia de Oficiais

O Edificio Batallóns, antiga Residencia de Oficiais, está situado no barrio de Esteiro de Ferrol, na rúa Carlos III. Formaba parte dun conxunto de edificacións destinadas a cubrir as necesidades de aloxamento de Oficiais (Casa do Coronel do Tercio Norte e Pavillóns de Oficiais). A Residencia, xunto ao resto de edificios, estaba protexida en todo o seu perímetro por un muro rematado en celosía cunha altura aproximada de tres metros. Non existía ningún tipo de división física entre a Residencia e o resto de edificacións, polo que foi das primeiras obras que houbo que acometer coa cesión á UDC.

O edificio, construído en 1930, consta de semisoto, planta baixa e dous andares, cunha superficie construída por planta de 261 metros cadrados. A planta baixa destinábase a dependencias xerais de uso da residencia, cociña, comedor e sala de ocio, e as plantas primeira e segunda dispoñían de habitacións individuais con baño, destinadas a residencia. Ten un pequeno semisoto, no que había dependencias de mantemento, lavandería, vestiario do persoal e cuarto de instalacións