Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inicia o pago das expropiacións para as obras de construción das beirarrúas da Cabana, en Ferrol

Os titulares dos 59 predios afectados están citados o martes 11 de xullo na Asociación de Veciños da Cabana para o pago dos depósitos previos

As obras, cun orzamento de 687.000 euros, son a terceira fase das beirarrúas que a Deputación executou ao longo DP-3612, que vai de Aneiros á Cabana 

A Deputación da Coruña inicia o pago das expropiacións para as obras de construción das beirarrúas da Cabana, en Ferrol

FOTO (ARQUIVO). Visita á segunda fase das obras da DP 3612

A Deputación da Coruña inicia o pago das expropiacións para a terceira fase das obras de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada DP-3612 de Aneiros a Cabana.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do pago de depósitos previos, no que se cita os 59 propietarios dos terreos afectados o vindeiro 11 de xullo, entre as 16 e as 18 horas, no local da Asociación de Veciños da Cabana. As expropiacións suman 135.036 euros.

As obras contan cun orzamento de 687.080,27 euros. A actuación dará continuidade aos traballos realizados en Serantes, onde a primeira e a segunda fase das obras xa están executadas e supuxeron a ampliación da vía e a construción de beirarrúas, cunha notable mellora da seguridade peonil.

Nesta nova fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+180, coincidindo coa intersección coa estrada a Balón, e 1+640 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos.

O proxecto inclúe tamén a renovación dos servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a instalación de nova iluminación con novas luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo eléctrico que as actuais lámpadas de vapor de sodio.

Unha vez completado o proceso de expropiacións, a Deputación levará a pleno a aprobación definitiva das obras para proceder á súa licitación.

Ao remate desta terceira fase, a Deputación terá creado unha travesía segura para os peóns ao longo de case 1,7 quilómetros nunha zona onde existen numerosas vivendas pero que carece dunha plataforma segura para poder circular a pé.