Estás en:Novas

A Deputación destina 150.000 euros para financiar o programa de educación e participación ambiental do CEIDA

A entidade provincial achega o 80 % do orzamento total do programa

As actividades están relacionadas coa concienciación sobre emerxencia climática, lixo mariño e espazos naturais protexidos, ademais de promover iniciativas de transición ecolóxica e programas de divulgación ambiental

A Deputación destina 150.000 euros para financiar o programa de educación e participación ambiental do CEIDA

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director do Centro de Extensión Universitaria para a Divulgación Ambiental en Galicia (CEIDA), Carlos Vales, asinaron o convenio para cofinanciar o Programa de educación, captación, divulgación e participación ambiental para a transición ecolóxica ao longo do ano 2023.

O documento contempla unha achega económica provincial de 150.000 euros, que supón o 80% do custo total da iniciativa, que se eleva ata os 187.500 euros.

O convenio recolle diferentes actividades relacionadas coa concienciación sobre emerxencia climática, lixo mariño e espazos naturais protexidos, ademais de promover iniciativas sobre capacitación para a transición ecolóxica, programas de divulgación ambiental, asesoramento e plans de comunicación.

Formoso subliñou "a ampla traxectoria do CEIDA promovendo a educación ambiental en todos os sectores, situándoos como un dos centros de referencia, tanto na península ibérica como a nivel europeo".

Actividades do programa

O convenio afecta a seis puntos diferentes: Programa de Educación Ambiental para unha Transición Ecolóxica, Programa de Capacitación para unha Transición Ecolóxica, Programa de divulgación ambiental, Programa de asesoramento e documentación ambiental, Elaboración de materiais e Plan de Comunicación.

O proxecto permitirá formar a poboación de todas as idades a través de visitas guiadas e diferentes conferencias divulgativas para fomentar a conservación do patrimonio natural, centrándose na problemática do lixo mariño, a emerxencia climática, a protección dos espazos naturais protexidos e a soberanía alimentaria.

A programación tamén inclúe a realización de diferentes exposicións itinerantes e asesoramento e documentación ambiental a través do préstamo de fondos bibliográficos e dos programa Maletas Viaxeiras e conversas naturalistas.