Estás en:Novas

A Deputación financia as actividades da Aula da Natureza e Museo Etnográfico das Brañas da Valga, en Mesía

A Deputación achega 60.000 euros para sufragar a realización de visitas guiadas, obradoiros, exposicións, conferencias e gastos de funcionamento do centro

A Deputación financia as actividades da Aula da Natureza e Museo Etnográfico das Brañas da Valga, en Mesía

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron o convenio para financiar as actividades e o mantemento da Aula da Natureza e Museo Etnográfico das Brañas da Valga durante o ano 2023. Ao acto asistiu tamén o deputado en funcións de Economía e Facenda, Antonio Leira Piñeiro.

A Deputación da Coruña achegará 60.000 euros (o 80% do total dos gastos anuais de funcionamento do museo) para financiar as distintas actividades que acolle o centro ao longo do ano, como conferencias, exposicións e obradoiros, así como para a realización de traballos de mantemento nas instalacións do museo e da zona verde que a rodea, elaboración de material divulgativo e didáctico.

Grazas a este convenio, o Museo Etnográfico das Brañas de Valga contratará tamén a dous peóns de xardinería e un monitor de tempo libre para poñer en marcha as distintas actividades programadas.

Situados xunto a unha antiga barreira de extracción de arxila recuperada como lagoa, a Aula da Natureza e o Museo Etnográfico Brañas de Valga, está dedicada á flora e á fauna propia das humidades de Galicia, e en concreto á importancia das Brañas. Tamén se atopa dentro das súas instalacións a aula Taller-Laboratorio, dotada co equipamento necesario para acoller grupos de ata 40 persoas, e a aula de usos múltiples. Outro dos seus atractivos é a exposición sobre a explotación e o uso da arxila, o barro e a historia da cerámica en Galicia.