Estás en:Novas

A Deputación da Coruña renova o seu apoio á Mostra da Olería de Buño

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achega 80.000 euros para a organización do evento

A 39º edición da Mostra celébrase este ano do 3 ao 6 de agosto en Buño (Malpica)

A Deputación da Coruña renova o seu apoio á Mostra da Olería de Buño

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso,e o alcalde de Malpica Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, asinaron un convenio de colaboración para financiar cunha achega de 80.000 euros a trixésimo novena edición da Mostra da Olería de Buño, que se celebrará do 3 ao 6 de agosto de 2023.

A achega da Deputación supón o 80% do orzamento total do evento, que ascende a 100.000 euros e inclúe os gastos en publicidade, material gráfico, alugueiro das carpas, dos espazos expositivos, e das actividades como eventos, animación ou actuacións, ademais dos gastos de persoal para a organización do evento, que cada verán reúne a miles de visitantes.

Con esta colaboración, a Deputación da Coruña amosa o seu apoio a esta XXXIX Mostra da Olería de Buño e impulsa este evento, ademais de como un recurso turístico, como unha actividade artesanal que repercute favorablemente como medio de desenvolvemento económico, social e xerador de emprego e riqueza non só a nivel local, senón tamén na provincia.