Estás en:Novas

Mariñán acolle unha nova edición da Escola de Verán do Poder Xudicial

Profesionais e expertos no ámbito xudicial debaterán e analizarán o papel e a relevancia na consolidación e protección do estado de dereito

Mariñán acolle unha nova edición da Escola de Verán do Poder Xudicial

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente primeiro e conselleiro da Xunta, Diego Calvo, e o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Rafael Mozo, inauguraron esta tarde a Escola de Verán do Poder Xudicial no Pazo de Mariñán.

Neste encontro, que se celebra desde o 4 ao 7 e do 11 ao 14 de xullo, diversos profesionais e expertos no ámbito xudicial debaterán e analizarán o papel e a relevancia na consolidación e protección do estado de dereito.
Formoso destacou "a colaboración entre as diferentes institucións para seguir levando a cabo esta Escola de Verán, que xa celebra un total de 25 edicións no Pazo de Mariñán".

O dirixente provincial puxo en valor a celebración deste curso, que serve para analizar e pór en común os principais temas de actualidade da xustiza e os retos de cara ao futuro.

Os relatorios comezan este mércores coa intervención de Manuel Aragón Reyes, maxistrado do Tribunal Constitucional, sobre a creación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Nos seguintes días poñeranse sobre a mesa distintas cuestións relacionadas co poder xudicial, como poden ser a percepción social, a inclusión de novos avances tecnolóxicos, a politización da xustiza, a visión europea ou a necesidade de establecer un Pacto de Estado para a Xustiza.