Estás en:Novas

A Deputación edita o libro ‘Apuntando ao mar’, que compila os relatorios do simposio internacional sobre a recuperación das defensas costeiras de Ferrolterrra

Durante a convención, celebrada no mes de febreiro, expertos de toda Europa explicaron as experiencias de recuperación levadas a cabo noutros países de Europa

A Deputación edita o libro ‘Apuntando ao mar’, que compila os relatorios do simposio internacional sobre a recuperación das defensas costeiras de Ferrolterrra

A Deputación da Coruña vén de editar o libro "Apuntando ao mar", no que se compilan os relatorios do congreso internacional que a Deputación da Coruña organizou o pasado febreiro no Teatro Jofre de Ferrol sobre a recuperación das baterías de defensa da Costa Ártabra.

O libro contén boa parte da información divulgada polos relatores que participaron no congreso ao longo dos tres días de conferencias e mesas redondas. Durante eses días expertos de toda Europa como Maurizio Vesco, Fernando Cobos, Nastasa Urosevic, Dirk Röder ou Émilie D'Orgeix participaron en diferentes actividades e coloquios co obxectivo de dar a coñecer a importancia histórica e patrimonial das baterías de defensa costeiras de Ferrolterra, así como as experiencias de recuperación destas estruturas militares levadas a cabo noutros puntos da xeografía española e en países como Italia, Croacia, Alemaña ou Bélxica, así como as súas repercusións a nivel medioambiental, patrimonial e turístico.

A realización deste simposio e a publicación deste libro enmárcase nas actividades do Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra, co que a Deputación da Coruña pretende recuperar as antigas baterías militares de Monte Ventoso (Ferrol), Bailadora (Ares) e Campelo (Valdoviño), afianzándoas como enclaves turísticos de referencia, que contribúan a pór en valor a historia e o patrimonio da comarca.