Estás en:Novas

Antonio Izquierdo Escribano doa a súa biblioteca persoal á Deputación da Coruña

Antonio Izquierdo Escribano doa a súa biblioteca persoal á Deputación da Coruña

O catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, Antonio Izquierdo Escribano, e o deputado en funcións de Patrimonio e Contratación, Xose Lois Penas, asinaron esta mañá o documento polo que o prestixoso sociólogo doará parte da súa biblioteca persoal á Deputación da Coruña.

Entre os 12.000 volumes obxecto da doazón, ademáis de bibliografía de diversa temática, especialmente ciencias sociais, arte e historia, hai tamén numerosos fondos documentais e artísticos.

"A biblioteca é froito de máis de 60 anos. O primeiro libro que comprei foi unha edición en pel dos versos de Becquer que está entre os fondos cedidos, tamén hai moitos libros comprados nas trastendas das librarías cando determinados autores estaban prohibidos", explicou Izquierdo Escribano, que detallou que entre os volumes cedidos hai tamén textos orixinais manuscritos e documentos de cando traballou asesorando ao Goberno en materia de migracións "que poden servir para os investigadores", explicou

Antonio Izquierdo Escribano é catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña, fundador do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) e premio nacional do Consello Económico e Social de España (CES), entre outros méritos.