Estás en:Novas

O festival Feito á man 2023 encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella compostelá

Este ano o Feito á man cumpre 20 anos

O festival Feito á man 2023 encherá de música ao vivo  as rúas e prazas da cidade vella compostelá

A XX edición do festival Feito á man de Santiago de Compostela, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella, celebrarase do 3 ao 24 de agosto.

Na rolda de prensa de presentación que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi, o presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Suso Pais, e a directora do festival, Ánxeles Porto, deron conta da programación da edición deste ano da man de Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela e Natividad De Jesús González, deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, resaltou a aposta do festival por programar propostas diversas en espazos singulares da cidade das que poden gozar tanto os visitantes como a veciñanza. Pola súa banda, a deputada de cultura da Deputación da Coruña, Natividade de Jesús, destacou a celebración dos 20 anos do festival e a colaboración que a Deputación e o festival veñen tendo nos últimos anos.
Dende a Asociación Cultural Cidade Vella, Suso Pais reivindicou a música ao vivo nos establecementos hostaleiros e a súa importancia para a cultura da cidade.
Finalmente, Ánxeles Porto, como directora do festival, salientou a diversidade de propostas do festival e a complicidade que se dá entre os artistas, o público e os espazos da cidade vella nos que se programa.

O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. É posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña e conta, ademais, con diferentes empresas coas que vén colaborando nos últimos anos como Estrella Galicia, Petroni, Casa de xantar O Dezaseis, Tórculo ou Froq; e tamén novas colaboracións con empresas como Pepsi e Vincusys.

Baixo o lema "20 anos regando a creatividade e o talento", o festival celebra o seu 20 aniversario con máis de corenta proposta musicais de moi diversos estilos. A Praza de Feixóo, a Rúa de Santo Agostiño, a Praza dos Gatos, a Vía Sacra ou San Paio de Antealtares son algúns dos dezaseis espazos da cidade histórica nos que se poderá gozar de música ao vivo.
A programación contará con recoñecidas propostas como Kin García Quinteto, novas formacións como Maricarme, ou propostas artísticas chegadas doutros países como Luiz Caracol (Portugal), Moyah (Mozambique-Portugal) ou Nación Ekeko (Arxentina). Un dos sinais de identidade do festival é a diversidade que acolle a nivel de estilos musicais. Así, poderase gozar de propostas que van dende o jazz até o trip-hop, pasando polo funk, o blues ou o folk.

Como cada ano, un dos espazos do festival convértese en espazo central onde todos os establecementos organizadores se xuntan para ofrecer unha programación conxunta. Nesta ocasión o escenario central será o da Praza de Mazarelos que, a partir deste ano, pasará a chamarse escenario NARF en homenaxe a Fran Pérez Narf, gran amigo do festival falecido en 2016.

O Feito á man 2023 dará comezo o día 3 de agosto na Rúa Xelmírez co grupo Maricarme e rematará o día 24 de agosto na Praza de San Martiño Pinario co grupo Grampoder.

A programación completa pódese consultar na web do festival: www.festivalfeitoaman.gal