Estás en:Novas

Oleiros réune a mellor artesanía de España e Portugal na 29 edición de Alfaroleiros  

O vicepresidente Xosé Regueira participou no acto inaugural xunto ao alcalde, Ángel García Seoane

Regueira defende a aposta da Deputación por recuperar o uso cotián da olaría na restauración

Oleiros réune a mellor artesanía de España e Portugal na 29 edición de Alfaroleiros  

Regueira e García Seoane inauguraron hoxe a feira, que estará aberta ata o domingo en Santa Cruz

O parque Luís Seoane de Santa Cruz (Oleiros) acolleu esta mañá o acto de inauguración da XXIX edición de Alfaroleiros. O acto contou coa participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, o coordinador institucional de ABANCA, José Manuel Vilariño, e a concelleira de Cultura, Normalización lingüística, Ensino e Xuventude, Mª José Santos Zas.

O vicepresidente Xosé Regueira destacou a tradición de Alfaroleiros "un dos eventos máis importantes de cantos se fan coa olaría como protagonista en toda a península ibérica" e defendeu a importancia deste oficio artesán: "Recuperar o uso cotián da olaría é fundamental para manter viva a tradición, para seguir dignificando o oficio do oleiro e mesmo para avanzar nas prácticas sustentábeis eliminando plásticos e químicos", afirmou.

Regueira subliñou que, dentro dos plans de promoción enogastronómica da Deputación que contan con fondos Next Generation, "queremos que a artesanía, a olaría e outros oficios tradicionais pasen a formar parte, e con maiúsculas, dos parámetros de calidade que queremos establecer para o sector da restauración en cada proxecto territorial no que estamos traballando".

"A olaría ten impregnada no barro a nosa historia, o relato de onde vimos e do que somos, a nosa identidade que partindo do singular se converte, como ben cultural, en universal. Un relato que fala de nós e que ademáis fala ben. Por iso queremos levar o barro ás mesas, aos fogóns, e queremos colocalo ao mesmo nivel que o produto gastronómico; que os bocados sexan, ademáis de sabor, historia, tradición e identidade", sostivo Regueira.

Pola súa banda, o alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane deu a benvida ao municipio aos oleiros de toda a península que durante esta semana exhibirán e venderán o seus produtos artesáns e agradeceu a colaboración da Deputación para apoiar a feira de olería máis importante de España.

García Seoane destacou a importancia do traballo dos artesáns, que mantén viva unha tradición de séculos.

Alfaroleiros é unha das feiras de olería máis importantes de toda España, con case tres décadas de existencia, e conta co apoio da Deputación da Coruña. Ata o domingo concentrará de novo aos mellores oleiros tradicionais da Península Ibérica que destacan por ser únicos nas súas respectivas zonas de procedencia e pola calidade e pureza dos seus traballos. O horario de exposición e venda será de 10:00 a 22:00 horas.

Durante os días de feira (de mércores a domingo), o Concello de Oleiros organiza numerosos espectáculos, concertos e actividades de ocio para todas as idades e de libre acceso. Para a xornada de mañá mércores destaca o concerto da Gallaecia Small Band, ás 21:00 horas, no parque Luís Seoane de Santa Cruz.