Estás en:Novas

Xosé Regueira: “DesOrdes Creativas abriu o camiño para converter a provincia da Coruña nun referente internacional da arte urbana”

O vicepresidente e responsable de Turismo visitou en Ordes o festival pioneiro da arte urbana de Galicia, que chega á súa 16ª edición co apoio da Deputación da Coruña

A Deputación apoia en Ordes, Carballo, Oleiros, Cambre e Rianxo festivais coma este, que impulsan o turismo cultural e contribúen á rexeneración urbana

Artistas urbanos de Estados Unidos, Francia ou Colombia participan no festival ordense ata o domingo

Xosé Regueira: “DesOrdes Creativas abriu o camiño para converter a provincia da Coruña nun referente internacional da arte urbana”

O vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, acompañado da concelleira de Turismo de Ordes, Susana García, visitou hoxe a XVI edición do festival de arte urbana DesOrdes Creativas, que se celebra na localidade ordense ata o 13 de agosto co apoio da Deputación da Coruña.

Regueira destacou o "carácter pioneiro" de DesOrdes Creativas no panorama galego, como "o evento de arte urbana máis lonxevo da comunidade e un dos máis prestixiosos no eido nacional e internacional".

"DesOrdes Creativas abriu camiño a outros festivais que foron xurdindo e hoxe se desenvolven con éxito na provincia da Coruña, que xa é nun referente internacional en arte urbana", sinalou Regueira en referencia a outros eventos coma o RexeneraFest de Carballo, e outros que se desenvolven en Oleiros, Cambre ou Rianxo coa colaboración da Deputación da Coruña.

Xosé Regueira subliñou a "potente participación internacional" desta edición do certame, con artistas convidados coma Gleo (Colombia), Alba Fabre (Catalunya), Mr. Difuz (Francia), Zane Parter (Estados Unidos) e Doa Oa (Galicia) e incidiu na importancia de apoiar eventos coma esta que posicionan á provincia no eido do turismo cultural, singularmente para as persoas interesadas por este tipo de arte contemporánea e, ao mesmo tempo, serven como instrumento de rexeneración urbana.

Nesta décimo sexta edición realizaranse cinco murais de gran formato e tamén se organizan outro tipo de actividades coma intervencións de pequeno formato, obradoiros arredor da arte urbana itinerarios guiados polos diferentes murais das anteriores edicións.