Estás en:Novas

A Deputación da Coruña promocionará produtos autóctonos, artesanais e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz

O Mercado da Deputación volverá a achegar ao público durante os días 25, 26 e 27 de agosto os produtos tradicionais e artesanais de 35 empresas e entidades da provincia da Coruña

Formoso afirma que o evento supón "un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés"

A Deputación da Coruña promocionará produtos autóctonos, artesanais e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz

Foto (ARQUIVO). Valentín González Formoso e Luz Casal no Mercado da Deputación do Festival de La Luz

Un ano máis, a Deputación da Coruña impulsa os produtos artesanais e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz, que se celebrará en Boimorto do 25 ao 27 de agosto.

Un total de 35 empresas e asociacións coruñesas do ámbito da artesanía, a ecoloxía, a creación artística ou a innovación compartirán os postos instalados pola Deputación no Mercado da Luz, unha área de 500 metros cadrados localizada no recinto do evento, onde se realizarán exposicións, presentacións e degustacións dos seus produtos.

Como en anteriores edicións, a Deputación da Coruña reservará tamén un posto propio para promover a provincia como destino turístico entre as miles de persoas que cada ano asisten ao festival.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que "ademais de terse consolidado como un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés no ámbito da artesanía, a creatividade e a innovación".

Produtos agroalimentarios e de agricultura ecolóxica, doces e conservas artesanais, olería, cestería e artesanía en pel e madeira, ourives e deseñadores de prendas téxtiles de carácter artesanal son algunhas das actividades que terán presenza neste atractivo Mercado da Luz, que complementa a ampla oferta cultural e lúdica deste evento durante a última fin de semana de agosto

Carmela Mola, A Castrexa, Silvereira, Comeluz, O Carabel Ecocestos, Vacatola, Orixes Artesáns, Creativas Galegas, Ferraxa de Prata Rodrigo Riveiro, Comeluz, Haciendo el Galgo, Fento do Vento, Panderetas de Regos, Arlequina, Casadelisa, Cabanas Rural e Rocigarcia son algunhas das empresas e entidades que participarán este ano no Mercado da Deputación no Festival de La Luz.

A listaxe completa pode consultarse no BOP do mércores, 9 de agosto:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/08/09/2023_0000006479.pdf