Estás en:Novas

A Deputación destina 1,2 M€ para apoiar o deporte na provincia

Destinaranse 740.000 euros para colaborar con 209 equipos e deportistas individuais da provincia que participan en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico
Achegaranse tamén 478.000 euros para axudar a 113 asociacións a fomentar a práctica deportiva

A Deputación destina 1,2 M€ para apoiar o deporte na provincia

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a resolución mediante a que se aproba a concesión de dúas axudas que teñen como obxectivo o fomento da actividade física e do deporte e o apoio a equipos e deportistas que participen en competicións federadas de ámbito local, provincial e autonómico, por valor de 1.219.598 euros.
Na primeira das liñas de subvención, a Deputación destina 740.769 euros a apoiar a 209 equipos e deportistas individuais da provincia que participan en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico ao longo do ano 2023.
Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a competición dos equipos e os deportistas a través da compra de bens destinados ás súas actividades, arrendamentos, transportes, primas de seguros, aloxamentos, soldos e salarios, dereitos de arbitraxe, cotas a entidades deportivas e gastos de participación en competicións deportivas federadas.
Enlace á ligazón do BOP:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/08/16/2023_0000006709.pdf
Máis de 478.000 euros para axudar a 113 entidades da provincia a fomentar a práctica deportiva
Na segunda das liñas, a entidade provincial concede 478.829 euros a un total de 113 entidades da provincia para realizar actividades de fomento da práctica deportiva ao longo de 2023.
Estas axudas están destinadas a entidades privadas sen ánimo de lucro, nas que se inclúen as federacións deportivas, para promover actividades e investimentos, así como o mantemento de centros e servizos considerados de interese público, coa finalidade de contribuír a que as entidades da provincia acaden os obxectivos propios e darlle pulo á participación por parte da cidadanía nos distintos ámbitos de actuación e, á vez, promover a igualdade de xénero.
Enlace á ligazón do BOP:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/08/16/2023_0000006673.pdf