Estás en:Novas

Formoso destaca o valor turístico e deportivo do veleiro Tokio II durante a súa visita ao Concello de Boiro

O presidente realizou unha visita pola ría a bordo da embarcación xunto ao alcalde boirense, o presidente do Club Náutico e representantes das asociacións deportivas do municipio
O Tokio II ofrece travesías a bordo dun barco de alta competición á vez que se dá a coñecer a Ría de Arousa

Formoso destaca o valor turístico e deportivo do veleiro Tokio II durante a súa visita ao Concello de Boiro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou na tarde de hoxe o Concello de Boiro para facer un percorrido pola Ría de Arousa a bordo do veleiro Tokio II xunto ao alcalde de Boiro, José Ramón Romero, o presidente do Club Náutico de Boiro, Manuel Fajardo, e representantes de distintas agrupacións do deporte local.

Formoso quixo destacar "o gran potencial turístico, deportivo e cultural que achega o veleiro Tokio II, gracias ao cal podemos coñecer a riqueza paisaxística, deportiva e cultural que atesoura tanto o Concello de Boiro como a súa contorna".

O Tokio II é un veleiro de categoría ocean race, cun calado de máis de catro metros, unha eslora de case 19 metros, unha manga de algo máis de 5 metros e 24 metros de altura, sendo unha das embarcacións da súa clase máis impoñentes da contorna.

Desde este ano ofrécense experiencias de vela de alto nivel desde Cabo de Cruz ao longo de toda a ría, onde os participantes poidan familiarizarse coa navegación nun barco deseñado para a alta competición, adquirindo coñecementos, prácticos e teóricos, de termos náuticos como son o trimado de velas, funcionamento de grinders, drizas, escotas ou burdas.

O presidente provincial destacou "a gran oportunidade que ten a xente para experimentar a gran competición do mundo da vela a través deste veleiro Tokio II, á vez que se desfruta da beleza da Ría de Arousa".