Estás en:Novas

A Deputación e a Asociación Síndrome de Down Teima Ferrol asinan o convenio para cofinanciar o proxecto de sostibilidade do Servizo de Formación Sociolaboral e Emprego

A entidade provincial achega 39.000 euros, que supón o 35% do financiamento total
O obxectivo da asociación é o de facilitar a inserción laboral das persoas con Síndrome de Down e Discapacidade Intelectual en empresas ordinarias

A Deputación e a Asociación Síndrome de Down Teima Ferrol asinan o convenio para cofinanciar o proxecto de sostibilidade do Servizo de Formación Sociolaboral e Emprego

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e a presidenta da Asociación Síndrome de Down Teima Ferrol, Patricia Serantes, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para cofinanciar o Servizo de Formación Sociolaboral e Emprego que leva a cabo a asociación.

O orzamento total da actividade elévase ata os 113.544 euros, dos que a entidade provincial achega 39.823 euros, que supón o 35 % do financiamento.
Mediante este proxecto sufragaranse gastos de persoal e gastos xerais, como poden ser os de arrendamento, comunicación, subministro de luz e auga, seguros, de mantemento e servizos de contratación externa como xestorías, protección de datos ou prevención de riscos.

O obxectivo da asociación é o de facilitar a inserción laboral das persoas con Síndrome de Down e Discapacidade Intelectual en empresas ordinarias. Nos últimos 20 anos acadaron resultados como a consecución de 96 contratos, un 70 % de aprobados nas convocatorias de procesos selectivos de emprego público, máis de 50 acompañamentos en formación da comunidade, etc.
Na actualidade, Teima de Ferrol atende a usuarios da zona norte da provincia da Coruña, incluíndo os concellos de Ferrol, Narón, Fene, Mugardos, Pontedeume, Miño, As Pontes, Cariño, Cedeira, Valdoviño e Ares.