Estás en:Novas

A Deputación segue apoiando ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela a través dunha axuda económica de 30.000 euros

Valentín González Formoso e o responsable da entidade, José Pita, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achega 30.000 euros para a compra de alimentos
O ano pasado 25 persoas prestaron os seus servizos ao banco

A Deputación segue apoiando ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela a través dunha axuda económica de 30.000 euros

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o responsable do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, asinaron hoxe o convenio que ratifica a achega provincial e que supón o 80% do orzamento total que a entidade destina para a compra de alimentos, que ascende a 37.500 euros. No acto participou tamén a deputada de Servizos Sociais Mª del Mar García Vidal.

A Deputación da Coruña apoiará economicamente ao Banco de Alimentos de Santiago con 30.000 euros para levar a cabo a adquisición de víveres de primeira necesidade destinados ás persoas en situación vulnerable da zona sur da provincia da Coruña.

O Banco de Alimentos de Santiago é unha organización independente sen ánimo de lucro baseada no voluntariado e que ten como obxectivo a consecución e o aproveitamento dos alimentos excedentarios coa intención de facelos chegar aos centros asistenciais encargados do seu reparto a familias e persoas necesitadas.

Conta cun total de 27 socios que ademais ao longo de todo o ano participan en diversas actividades realizadas pola entidade. O ano pasado 25 persoas realizaron tarefas como son campañas de concienciación en empresas, centros educativos, sociais ou entre a poboación xeral sobre os problemas derivados da escaseza de alimentos e a falla de recursos necesarios para poder vivir unha vida digna.

Os alimentos recollidos proceden de donativos de empresas alimentarias na meirande parte. Esta entidade examina os víveres que recibe cun minucioso control de calidade, clasifícaos e almacénaos para o seu posterior reparto co fin de facer chegar en perfectas condicións de consumo os alimentos ás persoas e familias. O Banco de Alimentos está en permanente contacto coas institucións benéficas, tanto de consumo como de reparto, co fin de coñecer cales son as súas necesidades.