Estás en:Novas

A Deputación e COGAMI asinan o convenio de colaboración para promover a inserción laboral de persoas con discapacidade

A entidade provincial realiza unha achega de 105.000 euros, que supón un 22,5 % do orzamento do proxecto "Servizo de Intermediación Laboral 2023"
Durante o ano 2022 na provincia da Coruña lográronse asinar un total de 901 contratos

A Deputación e COGAMI asinan o convenio de colaboración para promover a inserción laboral de persoas con discapacidade

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, reuníronse na sede da institución provincial para asinar o acordo de colaboración entre as dúas partes polo que a entidade provincial realiza unha achega de 105.000 euros.

Esta axuda supón un 22,5 % do orzamento de gastos do proxecto "Servizo de Intermediación Laboral 2023", que ascende a 465.930 euros.

COGAMI desenvolve accións encamiñadas á mellora da inserción laboral das persoas con discapacidade, contribuíndo desde o ano 1996 a conseguir case 44.000 insercións laborais de persoas con discapacidade no territorio galego. No ano 2022 lográronse asinar un total de 901 contratos na provincia coruñesa.

O Servizo de Intermediación Laboral conta con máis de 8.059 usuarios e usuarias na provincia da Coruña. No seu día a día realizan actividades como entrevistas ocupacionais, orientación e asesoramento laboral, intermediación laboral, xestión de ofertas de emprego, formacións, seguimentos das persoas xa inseridas, e itinerarios personalizados para a promoción da activación de busca de emprego.

O presidente da Deputación da Coruña subliñou o "importante labor social de integración que realiza COGAMI ano a ano, ofrecendo unha saída laboral e diferentes oportunidades formativas e informativas ás persoas con discapacidade".

875 insercións laborais na Provincia da Coruña no 2023

No que vai do ano 2023 o servizo de emprego de COGAMI acadou en toda a Comunidade autónoma un total de 1.800 insercións laborais. En concreto, na provincia da Coruña acadáronse as 875.
Por outra banda, a porcentaxe de persoas integradas cunha discapacidade igual ou maior do 65 % supera o 10 % de persoas contratadas en entidades de máis de 50 persoas traballadoras.