Estás en:Novas

Valentín González Formoso destaca que as Meninas de Canido amosan “a capacidade de mover un barrio con creatividade”

O presidente da Deputación da Coruña participou hoxe na presentación da décimo sexta edición do evento, que terá lugar esta fin de semana, do 1 ao 3 de setembro, no barrio ferrolán de Canido

"Para nós, como institución moi vinculada á cultura e á súa promoción, apoiar esta iniciativa era unha obriga", salientou Formoso.

Valentín González Formoso destaca que as Meninas de Canido amosan “a capacidade de mover un barrio con creatividade”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe, mércores 30 de agosto, no acto de presentación da décimo sexta edición do Festival Meninas de Canido, que cualificou como "unha iniciativa distinta, que amosa a capacidade de mover un barrio con creatividade, a través dos artistas locais e dos internacionais que recalan aquí no barrio de Canido da man de Edu".

No acto, celebrado no Museo de Historia Natural de Ferrol, González Formoso salientou que "para nós apoiar esta iniciativa era unha obriga, como institución moi vinculada á cultura e á promoción da cultura nesta cidade, onde temos colaboración permanente con todas as entidades culturais, cos festivais máis senlleiros da cidade e da contorna e coas institucións máis vinculadas ao eido cultural".

"Animarte Edu a que non só profundices en mellorar este festival, tamén que o estendas pola cidade e pola comarca porque vas ter o amparo da Deputación", indicou Formoso.

A décimo sexta edición do festival Meninas de Canido terá lugar desde este venres, 1 de setembro, ata o domingo, 3 de setembro. Durante os tres días, ademais das tradicionais expresións artísticas que executan os pintores e muralistas que acoden á cita, haberá concertos, obradoiros e outras moitas actividades que se poden consultar na páxina web www.meninasdecanido.gal.