A Deputación colabora co Congreso de Antropoloxía que reúne na Coruña a máis de 700 profesionais
A deputada Yoya Neira participou no acto inaugural, celebrado esta tarde no Teatro Colón, e destacou o papel da antropoloxía "para entender mellor o mundo que nos rodea"
A deputada Yoya Neira participou estra tarde no Teatro Colón da Coruña na inauguración do XVI Congreso de Antropoloxía que reúne na cidade herculina desde este martes até o venres a máis de 700 profesionais que, a través de conferencias e mesas redondas, porán o foco sobre os diversos campos de investigación que afectan ao ser humano.
Neira deu a benvida aos participantes e destacou a importancia dunha disciplina "que nos permite entender e apreciar a diversidade cultural que enriquece a nosa sociedade". "A través da observación, a investigación e o diálogo intercultural, a antropoloxía axúdanos a comprender mellor o mundo que nos rodea", afirmou.
Yoya Neira subliñou que Galicia é "terra de lendas e tradicións", idónea para "reflexionar sobre a importancia da antropoloxía" e abordar cuestións tan diversas como a linguaxe, a globalización, as migracións, a sustentabilidade e outros desafíos que enfronta o mundo actual e que se analizarán en distintas ponencias ao longo do simposio.
A antropóloga e membro do comité organizador do congreso, Cristina Sánchez-Carretero, destacou que a cita, que volve ser presencial tras seis anos, é unha "oportunidade" para reunir a diferentes profesionais da antropoloxía, pero tamén unha forma de expor "a fraxilidade deste campo a nivel galego" xa que, asegura, "hai falta de apoio académico".
Co obxectivo de "pór a antropoloxía nun primeiro plano", detalla Sánchez, o congreso arrinca no Teatro Colón da Coruña coa conferencia da mexicana Rossan Reguillo Cruz, que falou sobre as industrias do medo: "Desde como se articula o medo socialmente a que papel xoga, pois analizou situacións en México sobre o crime organizado e a brecha riqueza-pobreza a través dos medios dixitais e o Big Data".
A presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía, Luzia Oca, unha das organizadoras do encontro xunto coa Asociación de Antropoloxía do Estado e o Consello Superior de Investigacións Científicas, sinala que "moita xente descoñece o que é a antropoloxía" e iso que abarca campos "do día a día", que é o que queren mostrar con este congreso que ten como localización principal a Escola de Náutica da Universidade da Coruña.
Baixo o título 'Non hai fronteiras?', estes profesionais queren crear un lugar de debate no que se tratarán temas como o cambio climático, a migración, os coidados, pobos indíxenas, o medio ambiente ou o papel da muller nos traballos produtivos do mar.
Ao celebrarse en Galicia, tamén haberá temas relacionados coa comunidade, coma os simposios dedicados "ao turismo e o Camiño de Santiago, os eólicos ou as foliadas e a música tradicional".
A Asociación Galega de Antropoloxía tamén convidou á de Portugal para facer unha mesa redonda dedicada á antropoloxía.
"O importante é que, con respecto a outras ciencias sociais, na antropoloxía estamos dentro dos colectivos, formamos parte deles para comprender por que os seres humanos facemos determinadas cousas", reflexiona Luzia Oca.
Os máis de 700 profesionais profundarán tamén na importancia da antropoloxía para abordar diferentes crises, como a pandemia ou a emerxencia climática.
Ademais das conferencias, o congreso contará cunha mostra audiovisual de cinema etnográfico aberta ao público xeral que proxectará dez documentais con temática variada que vai desde a violación dos dereitos humanos das persoas migrantes á música tradicional galega.