Estás en:Novas

A deputada de Vías e Obras visita Sada para valorar melloras na rede provincial de estradas do municipio

A deputada de Vías e Obras visita Sada para valorar melloras na rede provincial de estradas do municipio

A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitou o concello de Sada para interesarse por distintas propostas de mellora na rede provincial de estradas no municipio.
Acompañada polo alcalde, Benito Portela, membros da corporación municipal e persoal ténico do departamento de Vías e Obras, Mónica Rodríguez visitou distintas estradas onde o goberno municipal propón efectuar obras de mellora da seguridade.
Entre elas, destaca solventar o problema de seguridade peonil da DP 5813, que dá acceso a Sada desde Oleiros preto do tanatorio, onde o paso peonil actual do borde esquerdo da calzada é moi estreito.
Tamén visitaron a DP 7509 da Chaburra a Veigue, onde o concello propón solicitar o cambio de circulación da estrada para que sexa dun só sentido e distintas melloras no vial que serán avaliadas polos técnicos provinciais.

"O obxectivo destas visitas que iniciamos polos concellos é coñecer in situ as necesidades e os problemas existentes na rede provincial de estradas e buscar solucións que permitan que sigamos aumentando a seguridade nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas", afirmou a deputada.