Estás en:Novas

Formoso inaugura o novo curso escolar no IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña

O presidente destacou que "o Rosalía Méra é un centro de referencia en FP" que conta con 67 anos de historia e un elevado índice de inserción laboral

Formoso inaugura o novo curso escolar no IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou esta mañá o curso escolar 2023-2024 no IES Rosalía Mera da Coruña. Ao acto asistiu tamén o director do centro, Genaro García e a politóloga especialista en igualdade de xénero Priscila Retamozo, que se encargou da conferencia inaugural.

Nun ateigado salón de actos, Formoso afirmou que "o IES Rosalía Mera é un orgullo para todos, un centro de referencia na formación profesional en Galicia, que desde hai 67 anos ofreceu oportunidades educativas e axuda para asentar as bases do futuro laboral e a mellorar a vida de varias xeracións de coruñeses".

Remarcou que o centro "naceu cunha importante vocación social para axudar ás familias que non tiñan medios para que os seus fillos estudaran" e que "foi a casa de moitos alumnos de todos os recunchos da provincia nos tempos nos que o acceso a unha formación de calidade era case imposible para moitas familias".

O presidente lembrou que hoxe o centro, con preto de 350 alumnos e alumnas e unha cadro de persoal de 30 docentes, oferta un total de once ciclos formativos de FP que van desde as artes gráficas ou a carpintería á mecánica ou o mantemento industrial e que "fan posible que os nosos estudantes adquiran coñecementos e habilidades que os preparan para afrontar os desafíos laborais".

Para Formoso, a nova lei de FP aprobada polo Goberno, que suporá un investimento de 2.500 millóns de euros "supón unha gran oportunidade" para a inserción laboral, especialmente da mocidade.

Tamén se referiu ao cambio de nome do centro, que desde 2021 leva o nome de Rosalía Mera "unha filántropa que deixou un legado moi importante nesta terra e que, ademáis do seu espírito emprendedor se caracterizou polo seu apoio á educación".

"O IES Rosalía Mera é un referente para moitas empresas da Coruña á hora de buscar profesionais de distintos ámbitos pero tamén é un centro comprometido coa sociedade desta provincia", sinalou o presidente que lembrou o papel da residencia do centro como base de bombeiros durante a pandemia e como centro de acollida para persoas refuxiadas da guerra de Ucraína.

Por último, deixou claro que "a Deputación vai seguir apostando por este centro, dotándoo das instalacións e os medios materiais e humanos que permitan manter a calidade do ensino que aquí se imparte, e que fai que os nosos alumnos logren un elevado índice de inserción laboral".