Estás en:Novas

A Deputación e a UDC asinan un convenio para o uso do comedor do IES Rosalía Mera por parte dos estudantes aloxados na residencia universitaria

A Deputación e a UDC asinan un convenio para o uso do comedor do IES Rosalía Mera por parte dos estudantes aloxados na residencia universitaria

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, veñen de asinar un convenio de colaboración para o uso do comedor do IES Rosalía Mera por parte das persoas usuarias da residencia universitaria Elvira Bao da Coruña durante o curso 2023-2024.

O ente provincial pon a disposición dos alumnos e alumnas da residencia universitaria o comedor do centro educativo desde o inicio do curso, exceptuándose vacacións, festivos e días non lectivos do IES Rosalía Mera.

As persoas usuarias da residencia, que deberán identificarse á entrada do comedor, rexeranse polos horarios establecidos polo instituto: almorzo de luns a venres de 7:30 a 8:45 horas, xantar de luns a venres de 14:00 a 15:00 horas e cea de domingo a xoves de 20:30 a 21:30 horas.

Os prezos do comedor son moi axustados. Xantar un día á semana ten un custo de 18 euros mensuais, mentres que en réxime completo -almorzo, xantar e cea- dun día á semana é de 45,20€ ao mes.

No caso de usar o comedor cinco días á semana para xantar, o prezo sería de 90,40 euros mensuais e, no réxime completo -almorzo, xantar e cea- durante cinco días á semana serían 226 euros ao mes. As familias numerosas terán ademais un desconto sobre estes prezos. O alumnado aboará o gasto á UDC.

A Deputación da Coruña percibirá, por parte da UDC, unha compensación anual polos gastos nos que incorra no desenvolvemento desta xestión co importe correspondente en euros, mes e alumno. A contía variará segundo o número de días á semana e o réxime seleccionado: só xantar ou completo, no que se ofrece almorzo, comida e cea. O importe será menor no caso das familias numerosas de categoría xeral.

O IES Rosalía Mera ofrece, para esta finalidade, un total de 70 prazas. Para os casos nos que exista algún problema para asistir ao comedor de maneira presencial, ofrecerase ao alumnado a posibilidade de anotarse, cun mes de antelación, naqueles días da semana nos que fará uso deste servizo.