Estás en:Novas

A Deputación e a Universidade de Santiago unen as súas forzas para poñer en valor o patrimonio natural da Serra do Careón

A Deputación destinará 50.000 euros para financiar o proxecto científico que tenta cimentar o coñecemento cunha proposta de plan de conservación

A Serra do Careón, entre os concellos de Melide, Santiso, Toques e Palas de Rei é unha Zona de Especial Conservación (ZEC) e foi declarada como unha das áreas máis importantes para a conservación vexetal de toda España

Contén polo menos sete especies protexidas das que tres non viven en ningún outro lugar do mundo

A Deputación  e a Universidade de Santiago unen as súas forzas para poñer en valor o patrimonio natural da Serra do Careón

A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago unirán as súas forzas para poñer en valor o patrimonio natural da ZEC Serra do Careón, un dos espazos protexidos de maior singularidade edáfica e botánica da provincia.

O pleno aprobou hoxe, por unanimidade, o convenio polo que a Deputación destinará 50.000 euros, o 80% do orzamento total da iniciativa, que ascende a 62.000 euros, para financiar o proxecto científico que tenta cimentar o coñecemento cunha proposta de plan de conservación.

A Deputación amosa, deste xeito, o compromiso co medio natural e coa conservación do patrimonio medioambiental.

Entre as accións que contempla o proxecto destacan a actualización do estado das especies CGEA, catálogo de especies vexetais de intereses, deseño e edición de material divulgativo, inventario de técnicas de restauración, cartografado de zonas de acción e elaboración final.

Trátase de mellorar o coñecemento dos seus valores botánicos máis salientables e de establecer un Plan de Conservación para a concorrencia a candidaturas europeas de financiamento.

A Serra do Careón é unha das 53 Zonas de Especial Conservación (ZEC) que protexen de xeito global 375.558 ha en Galicia, 18 delas pertencen á provincia da Coruña.

A Serra do Careón ten un tamaño de 6.661 Ha. e representa o 8% da superficie total protexida na Coruña. Localízase entre os concellos de Melide, Santiso e Toques aínda que tamén penetra no concello lucense de Palas do Rei.

A devandita serra ten especial relevancia natural pola súa biodiversidade da flora xa que foi declarada como unha das áreas máis importantes para a conservación vexetal de toda España. E aínda así, é pouco coñecida para a cidadanía coruñesa a pesar desta singularidade.

A Serra contén polo menos sete especies protexidas e tres delas non viven en ningún outro lugar do mundo. Isto é consecuencia na tipoloxía do solo e da súa composición química, formada por rochas de cor verde e escamado que se asemella á pel das serpes e por iso se denominan especies serpentinizadas.