Estás en:Novas

Valentín Formoso reuniuse co novo alcalde de Oroso para abordar os investimentos da Deputación no municipio

A Deputación reserva 500.000 euros para a humanización da avenida da Garabanxa e 400.000 para o polideportivo de Sigüeiro

Valentín Formoso reuniuse co novo alcalde de Oroso para abordar os investimentos da Deputación no municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co novo alcalde de Oroso, Álex Doval, co que abordou a situación de diversos investimentos provinciais no municipio, entre os que destacan a humanización da avenida da Garabanxa e a construción dun novo centro deportivo en Sigüeiro. Ambos os dous proxectos, xa comprometidos pola Deputación co anterior goberno municipal, suman un investimento de 900.000 euros. Na reunión participou tamén o deputado provincial Antonio Leira.

Formoso e Doval, na súa primeira reunión de traballo tras as eleccións municipais, trataron a situación administrativa destes proxectos, que se executarán a través de sendos convenios de colaboración entre a Deputación e o Concello de Oroso, e para os que o goberno provincial xa ten reservado o orzamento.

A humanización da avenida da Garbanxa, cun investimento previsto de 500.000 euros, mellorará unha das principais entradas e travesías de Sigüeiro con novas beirarrúas, zonas peonís e fochancas. As obras suporán unha renovación total da avenida, coa instalación de novas luminarias, zonas verdes e mobiliario urbano, así como a pavimentación da estrada e a mellora dos accesos aos garaxes.

Doutra banda, Formoso confirmou tamén ao alcalde que a Deputación ten programado un investimento de 400.000 euros para cofinanciar a execución dun novo centro deportivo en Sigüeiro, que complementará os fondos comprometidos no seu día polo propio Concello de Oroso, á espera de que a Xunta de Galicia achegue tamén financiamento para esta necesaria instalación deportiva.