Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina medio millón de euros para apoiar ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia

Vinte e nove confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores reciben axuda da Deputación para a contratación de persoal e modernización dos procesos de produción e comercialización

A Deputación da Coruña destina medio millón de euros para apoiar ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia

A Deputación da Coruña destina este ano 499.307 euros para apoiar ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña en cuestións coma a contratación de persoal ou a modernización das súas infraestruturas, procesos de produción e comercialización. A resolución definitiva de concesión das axudas vén de ser publicada no Boletín Oficial da Provincia de hoxe martes, 19 de setembro.

A deputada responsable da área de Mar e Medio Rural, Crsitina Capelán, subliñou "a importancia social e económica que os sectores pesqueiro e marisqueiro teñen na provincia da Coruña, onde xeran miles de empregos". "Desde a Deputación queremos seguir apoiando a un sector estratéxico na nosa provincia", apuntou a deputada, que destacou que as axudas chegan á práctica totalidade dos pósitos da provincia e supoñen unha axuda fundamental para o seu funcionamento.

A través deste programa, os pósitos coruñeses reciben axudas de entre 5.500 e 30.000 euros que poden destinar á contratación de persoal ou servizos externos como a vixilancia, adquisición de sementes de moluscos, modernización de procesos de comercialización, aluguer de maquinaria, control de descargas, controis de calidade do produto, servizo de asesoramento aos pescadores artesanais, e outras actividades que supoñen melloras na súa actividade.