Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Moeche asinan o convenio para dinamizar o Recinto Feiral e as súas feiras monográficas

O proxecto conta cun orzamento total de 48.000 euros, dos que a institución provincial achega 38.000 euros

O obxectivo é potenciar de xeito turístico o recinto feiral de Moeche e as súas feiras monográficas que se celebran durante o ano 2023

A Deputación e o Concello de Moeche asinan o convenio para dinamizar o Recinto Feiral e as súas feiras monográficas

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a alcaldesa do Concello de Moeche, Beatriz Bascoy, veñen de asinar o convenio de colaboración para dinamizar e potenciar o turismo do Recinto Feiral e as Feiras Monográficas celebradas no municipio.

A entidade provincial apoia este proxecto cunha achega de 38.904 euros, o 80 % do financiamento total do proxecto, que ascende a 48.630 euros. O obxectivo é dinamizar e potenciar de xeito turístico o recinto ao longo de todo o ano.

Segundo indica o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, "estas feiras, centradas en temáticas específicas como gastronomía, artesanía, turismo, moda ou tecnoloxía, atraen visitantes de diversas partes de todo o mundo, xerando un impacto significativo no Concello, converténdose nun elemento dinamizador do turismo".

A rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, quixo "agradecer á área de Turismo da Deputación da Coruña a súa participación e a súa dispoñibilidade nestas feiras, que promoven a participación activa dos artesáns de proximidade, axudando deste xeito a que se establezan dinámicas económicas moi beneficiosas na contorna".

Desde a Deputación da Coruña promoven este tipo de eventos, poñen en valor a tradición e o patrimonio histórico para os seus concellos, acadando ao mesmo tempo un gran potencial turístico que atrae a visitantes de diversas zonas xeográficas.