Estás en:Novas

A Deputación pon en valor a labor das mulleres do mar proporcionándolles material a 300 mulleres traballadoras para o desenvolver a súa actividade e realizando un Mapeo das Mulleres da Pesca da Coruña

A deputada provincial da área de Emprego, Rosa Ana García, fixo entrega de 300 mochilas impermeables e adaptables, ademais de 300 caixas de primeiros auxilios a mulleres de ANMUPESCA da provincia

ANMUPESCA aglutina a máis de 10.000 mulleres vinculadas ao mundo do mar en todo o territorio nacional e a 300 mulleres na provincia da Coruña

A Deputación realizará un Mapeo das Mulleres da Pesca da Coruña, ferramenta virtual que amosará a localización das mulleres e os distintos perfís profesionais que existen en cada área costeira onde se desenvolve a actividade pesqueira

A Deputación pon en valor a labor das mulleres do mar proporcionándolles material a 300 mulleres traballadoras para o desenvolver a súa actividade e  realizando un Mapeo das Mulleres da Pesca da Coruña

No día de hoxe Rosa Ana García, deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, reuniuse no Pazo Provincial da Deputación da Coruña con Rita Míguez de la Iglesia, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA); Rosa Vilas, mariscadora; Marina Buceta, mariscadora e vocal de ANMUPESCA por Galicia; Ángeles Mille, secretaria de ANMUPESCA e dúas socias da Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica de Bergantiños.

Nesta xuntanza a deputada destacou "a importancia do traballo das mulleres para o sector pesqueiro galego e da provincia da Coruña, que aporta un valor fundamental ao sector no seu conxunto e constitúen un alicerce fundamental do mesmo, así como unha inestimable contribución ao desenvolvemento socioeconómico da provincia e a sostibilidade do sector primario da franxa costeira."

Como agradecemento á labor destas mulleres á pesca e á diversificación económica e social das súas contornas, así como a súa loita continua pola mellora das súas condicións laborais, a dignificación do sector e o relevo xeracional, a presente corporación da entidade provincial agasallounas con novo material para facilitar o desenvolvemento da súa actividade nunhas mellores condicións.

O obsequio consistiu en 300 mochilas resistentes, impermeables, acolchadas, con compartimentos e axustables e 300 caixas de primeiros auxilios repletas do material pertinente, como vendas, apósitos, esparadrapo, tesoiras, e demais material de socorro.

Estes elementos resultan esenciais para as traballadoras, e coa súa entrega procurase contribuír á realización das súas tarefas cunha maior comodidade e seguridade. Deste xeito a entidade provincial continúa coa liña de traballo que vén desenvolvendo de apoio ao sector pesqueiro na provincia, sendo moi consciente das necesidades do colectivo das mulleres traballadoras do mar e da importancia de dotalo de recursos que poidan facilitar o seu traballo e realizalo nas mellores condicións de saúde e seguridade laboral posibles.

As 300 mariscadoras, redeiras e percebeiras que recibirán este material pertencen á Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA). Esta asociación está conformada por 21 asociacións a nivel nacional, que aglutinan máis de 10.000 mulleres vinculadas ao mundo do mar en todo o territorio nacional da asociación e a estas 300 mulleres na provincia da Coruña.

A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA)

ANMUPESCA é unha entidade sen ánimo de lucro constituída no 2016 e que ten como principais obxectivos a defensa dos intereses económicos e profesionais das asociadas e das mulleres que traballan nas actividades vinculadas coa actividade pesqueira, marisqueira, acuícola e actividades ou servizos vinculadas a estas. Con apenas sete anos de traxectoria, esta entidade leva desenvolvendo un importante traballo no ámbito do asociacionismo a nivel estatal, provincial e local.

A pesar dos logros acadados polo colectivo feminino nestes ámbitos, a realidade é que precisa dun maior apoio para seguir avanzando na procura dos seus dereitos e da igualdade. Conscientes disto e de que a seguridade é saúde unha cuestión fundamental para todos os traballadores e traballadoras do mar, a Deputación proporciona estes recursos procurando mellorar as súas condicións de traballo, que a maior parte das veces, realizan en condicións moi precarias: á intemperie a carón do mar nos distintos peiraos da costa no caso das redeiras, coa auga ata as costas no caso das mariscadoras e aos golpes do mar nas rochas e acantilados no caso das percebeiras.

A Deputación da Coruña elaborará un mapa das mulleres do mar, poñendo en valor a súa importancia na provincia

Nesta mesma liña de apoio ao sector pesqueiro, Rosa Ana García adiantou neste acto que a Deputación levará a cabo nos vindeiros meses un Mapeo das Mulleres da Pesca da Coruña: ferramenta virtual que amosará a localización das mulleres e os distintos perfís profesionais que existen en cada área costeira onde se desenvolvan a actividades pesqueira, sendo a primeira iniciativa deste tipo no territorio.

Grazas a esta ferramenta innovadora identificaranse nun mapa costeiro provincial o número de redeiras, armadoras, pescadoras, percebeiras, mariscadoras e demais traballadoras do mar, así como as peculiaridades dos seus traballos, as dificultades coas que se atopan e demais circunstancias salientables. Deste xeito, ademais dos datos estatísticos obteranse datos cualitativos sobre as actividades que desenvolven.

O mapa non só plasmará a presenza das mulleres ao longo da liña de costa, senón que tamén contará coa visión e as reflexións das profesionais. Realizaranse entrevistas nas que se abordarán as necesidades e os retos nas profesións que desenvolven, as condicións sociolaborais, a súa presenza nos órganos de representación e outras cuestións relacionadas coa igualdade de oportunidades no eido profesional. Ademais, o mapa dará conta das principais entidades representativas do mar e das mulleres, servindo como fonte de consulta pública.

Con este Mapeo a Deputación pretende coñecer as principais áreas onde se atopan as mulleres do mar, a qué se dedican, dispoñer de datos estatísticos que avalen a presenza e importancia das mulleres no desenvolvemento do sector primario provincial, avanzar en igualdade, dar a coñecer a realidade dun sector profesional invisibilizado ata o momento e reducir as desigualdades existentes no sector.

Grazas a estas iniciativas, a presente corporación amosa todo o seu apoio ao colectivo das traballadoras do mar, dándolles visibilidade, procurando o seu benestar laboral, coidando da súa seguridade e saúde no traballo e loitando por reducir a fenda de xénero nun sector fortemente masculinizado.