Estás en:Novas

A Deputación colabora co Concello de Culleredo no financiamento do Centro Ocupacional “A Escada”

Valentín González Formoso e José Ramón Rioboo asinaron o convenio para sufragar os gastos do centro dedicado á fomación para o emprego de persoas con discapacidade intelectual media

A Deputación achega 70.000 euros para financiar o funcionamento do centro e reservar cinco prazas para persoas usuarias da comarca coruñesa

A Deputación colabora co Concello de Culleredo no financiamento do Centro Ocupacional “A Escada”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo e deputado de Economía e Facenda, José Ramón Rioboo, asinaron no pazo provincial o convenio de colaboración para o financiamento do centro ocupacional A Escada, o único centro destas características da área metropolitana e ao que acode alumnado de diferentes municipios da comarca.

A institución provincial achegará 70.000 euros, o que supón o 47,5% dos gastos que presenta este servizo durante o 2023, e o Concello de Culleredo achegará a porcentaxe restante para completar o orzamento total, que ascende a 147.452 euros.

A Escada é un dos catro centros existentes en Galicia destas características, de carácter público, formativo e prelaboral para persoas adultas con discapacidade intelectual media no que se contempla o fomento de habilidades laborais, terapia ocupacional e de axuste persoal, orientándose ao emprego diario ou ao emprego en empresas protexidas como Centros Especiais de Emprego.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que ademais de contribuír ao mantemento do centro, o convenio permite a reserva de cinco prazas para persoas usuarias procedentes doutros concellos da área metropolitana coruñesa.

Formoso incidiu na importancia de contar na comarca coruñesa cun centro destas características, "á vangarda en integración e a formación para persoas con discapacidade intelectual media recibir atención especializada e incrementar as súas capacidades de cara a facilitar a súa inserción laboral".

Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, explicou que este convenio permite " continuar a nosa liña de traballo en benestar social", e quixo agradecer ao presidente da Deputación da Coruña a súa colaboración e compromiso para que este centro, con tres décadas de historia, continúe a desenvolver o seu labor social, "un servizo que mellora a vida de moitas familias de Culleredo e da comarca coruñesa", subliñou.